Pablo Bouza: "Os certames danlle firmeza á túa carreira e visibilizan a túa obra"

Natural de Fene e veciño de Culleredo, onde é xefe do servizo de cultura e educación municipal, vén de gañar o V Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía, convocado polo Concello de Guitiriz, grazas ao poemario 'Coma o ruído que fan as portas das igrexas ao pecharse’. Este novo recoñecemento súmase a un listado no que tamén figuran o Pérez Parallé ou o Certame Literario de Vilalba.
Pablo Bouza. EP
photo_camera Pablo Bouza. EP

"Os cartos logo desaparecen, pero os libros son a vida dun escritor", asegura o poeta Pablo Bouza á hora de valorar o que supón gañar o V Premio Díaz Castro de Poesía, dotado con 2.000 euros e coa publicación do poemario, na primeira vez que se presentaba.

Que sentiu ao recibir a chamada? 

Unha grande emoción. Recibir un recoñecemento ao teu traballo dáche forza e confianza para seguir escribindo, comprobas que estás en boa liña. Viña duns anos de secano en canto a publicacións e con este premio terei a oportunidade de volver publicar e cunha editorial de referencia. Somos moitos os poetas que nos presentamos a estes certames, xa que case é a única maneira de poder ver a túa obra publicada.

Leva unha boa colleita de premios, a experiencia altera a sensación?  

A emoción e ledicia é a mesma que co primeiro. E neste caso, vendo a solvencia e a categoría literaria do xurado, a satisfacción é maior.

Que supoñen este tipo de convocatorias para os escritores?

Levo máis duna ducia de premios que se reflicten en seis libros individuais, algúns colectivos e publicacións en revistas especializadas. Os certames van dándolle firmeza á túa carreira literaria e permiten visibilizar a túa obra. Teñen moito mérito os concellos e as institucións que os convocan. No caso de Guitiriz, que faga un esforzo notable convocando un certame da calidade do Díaz Castro é moi loable e amosa unha especial sensibilidade da súa corporación. Ademais, Guitiriz é un facho poético en Galicia co importantísimo labor da NPG (Nova Poesía Guitirica) e o seu traballo cos grupos poéticos de base, o certame de Vilariñas, os poemas pendurados nas farolas, a edición da Gazeta.gal, o traballo de investigación sobre Os Vilares de Pas Veres ou a poesía da magnífica Luz Campello.

Cal é a sensación ao ver un libro seu publicado? 

Telo nas túas mans é unha das grandes emocións que ten un escritor. Ao fin e o cabo, escribes para comunicar e compartir. O poema non deixa de ser un proceso comunicativo. Ademais ese libro, e sobre todo no caso da poesía, clónase en moitos máis: as interpretacións e versións que cada lector fai do que ti lles amosas.

A poesía é a grafía da emoción para min, os poemas reflicten estados de ánimo, situacións do cotiá, imaxes, sensacións

Que resposta recibe da xente?

Esa é unha das cousas máis satisfactorias do proceso da escrita para min. Como interpreta cada lector os teus poemas, que sente, se consegues emocionalo… podes ver como algo que sucede no teu ser máis íntimo pode ter categoría  universal ou colectiva. A poesía permíteme coñecerme mellor a través da mirada dos demais.

Como é o ruído que fan as portas das igrexas ao pecharse?

A min paréceme un ruído moi poético. Este título, do que son consciente que é anormalmente longo para un libro e máis de poesía, ten un cometido, que é o de provocar a atención do lector. O título pode ser un micropoema en si mesmo e deixa unha porta aberta a cuestionarse, lembrar, relacionar… As igrexas son metáforas para case todos. Nalgún momento da vida poden transmitirnos serenidade, soidade, beleza, amor, ata medo ou repulsa. Ese son dunha porta case sempre vella e grande que soe ser rouco, pode transmitir unha imaxe, unha sonoridade, unha sensación incluso órganica. No libro hai un poema no que ese verso do título está reflectido e pode clarexar o que para min significa.

Que inspirou este poemario?

Múltiples situacións e sensacións. A poesía é a grafía da emoción para min, polo que os poemas reflicten estados de ánimo, situacións da vida cotiá, imaxes, sensacións. Son un poeta pouco racional e moi inspirativo polo que os versos chegan coma lampos e hai que andar atentos. De todas maneiras, ás veces a poesía que escribes non ten que ver co teu eu poético. Partes dunha realidade de sentimentos pero a linguaxe permíteche, a través da creación, amosar outro mundo paralelo ao teu. Tamén pode ser, coma indicaba Platón, que os poetas non sexan quen de indicar racionalmente o que expresan nos seus poemas, porque o fan baixo inspiración divina ou das musas.

Ter un libro teu nas mans é unha das grandes emocións que ten un escritor, ao fin, escribes para comunicar e compartir

Que o levou a presentalo ao certame de Guitiriz? 

Busco certames nos que a publicación estea garantida e se pode ser cunha editorial de referencia, mellor. O Díaz Castro, aínda que é un certame moi novo, ten unha andaina recoñecible e os seus gañadores anteriores son referencias do mellor da poesía galega.

Coñece a obra de Díaz Castro?

Por suposto. É unha peza clave na poesía galega do século XX. Nimbos, como ben afirma Armando Requeixo, é un exemplo marabilloso da "complexidade do sinxelo", cunha poesía que desde o localismo se achega ás grandes cuestións da literatura universal. 

Igual que no caso de Díaz Castro, a súa obra é poética, vese noutro xénero?

Eu considérome por riba de todo poeta; é onde me sinto máis cómodo. Neste momento non me vexo achegándome a outros xéneros que precisan de máis dedicación e profesionalidade. Xa veremos máis adiante.

Ten algunha obra en proxecto?

De inmediato, non. Colleito versos que logo serán poemas e pouco a pouco se poden converter en libros. Non me gusta forzar o proceso. Non programo a miña poesía. O que teña que chegar, chegará.

Xavier Queipo sinaliba que entre os escritores galegos só un 6% podían vivir da escrita

Dúas galegas, Alba Cid e Olga Novo, gañaron os premios nacionais de poesía, son illas ou bos exemplos dunha literatura vizosa?

A vizosidade da poesía galega é manifesta en comparanza non só co que se está a facer nas linguas minorizadas do estado senón tamén co castelán. E elas poñen de manifesto a importancia da poesía feita por mulleres en Galicia. Hai unha xeración de poetas femininas que foron rompendo co discurso poético máis sentimentalista e ocupando espazos máis políticos e menos accesorios. Mais, aínda que é motivo de orgullo estes premios a nivel estatal, coincido co que sinalaba outra Premio Nacional, Pilar Pallarés, cando afirmaba que "é como se precisásemos ter permiso de fóra para existirmos". Parece que cando sae un Premio Nacional os medios descobren, non sen certa esaxeración, que existe unha poesía galega. 

Pódese vivir da escrita?

Xavier Queipo, nun xornal galego, sinalaba que entre os escritores galegos só un 6% podían vivir da escrita. Como se pode ver, é a excepcionalidade. Tampouco, coma ben indica Queipo, sabemos cantos desexarían vivir exclusivamente da escrita e aceptar o que isto podería supoñer para a liberdade de creación nun sistema cultural precario como é o noso. 

De preto: "Quería ser veterinario e vivir na aldea con moitas vacas"
Que tal coa pandemia, sérvelle de inspiración ou bloquéao?
Vivina con moito traballo no meu posto no Concello de Culleredo, polo que apenas sentín os seus efectos. Ademais levome moi ben conmigo mesmo e non me incomoda a soidade. Algún poema deste libro naceu en tempo de pandemia.
Un libro que lle gustaría ter escrito?
Moitos, pero por dicir un: Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro. Unha celebración da beleza.
Un poema?
Dous. ‘Sós’, de Manuel Antonio, polo que supuxo de ruptura e de renovación para a poesía galega e ‘O maio’, de Manuel Curros Enríquez, polo seu ritmo e musicalidade. 
E un verso?
Catro moi breves de Karemelo Iribarren. Pola súa sinxeleza e brevidade, pero tan evocador, El frío: "Allí,/donde termina tu mirada,/empieza/el frío".
Un referente?
Todos os poetas da Xeración dos 80 na poesía galega polo que me influíron ao comezar a escribir e que me inspiraron.
Unha viaxe?
Un mes que pasei no Sur de China, na cidade de Guangzhou (antiga Cantón) para adoptar ao meu terceiro fillo, polo que supuxo de emoción persoal e descubrimento dunha sociedade e país incrible.
Un lugar para inspirarse?
A paz do lugar de Pedrapinta, en Mos. A casa da miña familia política, onde case sempre nacen os primeiros poemas dos meus libros.
E para desconectar?
A cociña. Cociñar para a familia e tertuliar cunha boa botella de vino.
Para escribir usa...
Sempre escribo en cadernos, a man e con bolígrafo.
A que lle escribe?  
Escribo para min mesmo. Para obter respostas, para coñecerme, para dar saída ao que pasa pola miña cabeza; sen método e control.
Que significa para vostede o Certame Literario de Vilalba?
Neste xornal, nunha entrevista hai anos, sinalaba que "Vilalba é a miña patria poética, clave na miña traxectoria". Grazas a este certame publiquei tres libros importantes na miña carreira literaria. 
De pequeno quería ser...
Veterinario. E vivir na aldea con moitas vacas. Logo cruzouse a filosofía na miña vida.

 

Comentarios