Prevención e reacción

Unha decena de mulleres asitiron en Mosteiro a un curso de defensa persoal feminina impartido polo instrutor Manuel Herbón

Curso de defensa persoal feminina en Pol. C.PÉREZ
photo_camera Curso de defensa persoal feminina en Pol. C.PÉREZ

"Si!". É a contundente e unánime resposta cando se lles preguntaba á decena de mulleres participantes no curso de defensa persoal feminina que se impartiu a pasada semana en Mosteiro pola necesidade de actividades destas características.

"Nos tempos que corren fai moita falta saber como reaccionar", explicou unha das alumnas, que igual que as súas compañeiras, se amosaba disposta a "aprender" nun curso de oito horas encamiñado a transmitir medidas preventivas e de autoproteción e tamén claves e técnicas sinxelas para saber como reaccionar ante unha posible agresión.

A "curiosidade" é outra das motivacións agochadas detrás da súa participación nas dúas sesións impartidas polo instrutor Manuel Herbón. Este tratou de inculcarlles a necesidade de saber identificar "cuáles pueden ser los lugares o situaciones de más riesgo, aquellos momentos en los que hay que prestar más atención", dándolle importancia ás estratexias de  prevención.

A Secretaría Xeral de Igualdade impulsa este tipo de iniciativas para ofrecerlles  ás mulleres recursos ante posibles agresións

Mais ás veces, esas situacións de risco que se tratan de evitar prodúcense igualmente, e para eses casos Herbón tamén lles ensinou os recursos que teñen á súa disposición, coma técnicas de golpeo sinxelas e intuitivas coas que gañar tempo para poder fuxir desa situación e pedir axuda.

Na charla previa antes da clase práctica, o instrutor lembroulle ás asistentes outros recursos dispoñibles, coma as aplicacións que serven para alertar dun incidente. Tamén lles amosou os dous spray de defensa —un aerosol e un xel—, que son os únicos que están homologados e autorizados, á venda en armerías. Ao ser aplicados, provocan "una reacción más fuerte que un millón de cebollas", o que lle daría á vítima "margen para escapar".

A Secretaría Xeral de Igualdade, en colaboración coa Federación Galega de Loita e a Academia Galega de Seguridade Pública, e neste caso tamén co Concello de Pol, promove estas sesións formativas, cuxos instrutores son membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Novo curso en Vilalba
O Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Vilalba tamén promove un curso de defensa persoal para mulleres e mozas, con 20 prazas dispoñibles, que se desenvolverá os sábados 10 e 17 de novembro. Este seminario terá unha duración de oito horas e impartirase no auditorio municipal, en horario de 10.00 a 14.00 horas. As interesadas en asistir poden inscribirse no CIM ou chamando ao 982.52.30.32.

 

Comentarios