A reportaxe da Chaira

De ovo a pitiño, 21 días para aprender

A asociación Avimós ten tres incubadoras que leva aos centros educativos para dar a coñecer a raza de Mos e o proceso de nacemento das galiñas
Escolares do colexio de Abadín, cun pitiño. C.PÉREZ
photo_camera Escolares do colexio de Abadín, cun pitiño. C.PÉREZ

Poida que non resolva o misterio de que foi antes, o ovo ou a galiña, pero sen dúbida a iniciativa de Avimós para ensinarlles aos máis pequenos o proceso de incubación dun ovo axuda tanto a saber como nacen os pitiños como a dar a coñecer a raza autóctona Galiña de Mos.

O proxecto itinerante nacía hai xa varios anos cunha única incubadora. Esta déixase nun centro educativo (vai dirixido principalmente a eles, pero tamén se poden sumar outras entidades interesadas) cunha vintena de ovos e son os escolares, supervisados polos docentes, os que se encargan de controlar o aparello para que as condicións sexan as idóneas e así, pasados 21 días, nazan os pitiños. E como é lóxico, a expectación ante ese momento é máxima.

Diego Rois explica o proceso de incubación. C.PÉREZ
Diego Rois explica o proceso de incubación. C.PÉREZ

Completado o ciclo, o director técnico veterinario de Avimós, Diego Rois, acompañado algunhas veces polo presidente da asociación, Francisco Monasterio, visitan o centro para impartir unha pequena charla (cada colexio decide a quen vai dirixida a actividade: todo o alumnado, unha aula, un curso, un ciclo...) sobre a raza e amosarlles o que serán eses pitiños acabados de nacer de adultos: un galo e unha galiña de Mos.

Diego Rois e Francisco Monasterio, cos seus agasallos en Abadín. C.PÉREZ
Diego Rois e Francisco Monasterio, cos seus agasallos en Abadín. C.PÉREZ

"Empezamos hai oito ou dez anos cunha incubadora e agora xa temos tres e non damos feito, en setembro xa estabamos dando vez para o curso que vén, cada vez hai máis xente interesada", explica Monasterio sobre unha iniciativa que xurdía para dar visibilidade "a unha raza autóctona que custou recuperar e que é historia da nosa terra". 

Pitos e ovos, na incubadora do centro de día de Abadín. C.PÉREZ
Pitos e ovos, na incubadora do centro de día de Abadín. C.PÉREZ

"O rural estase a abandonar, a maioría dos nenos xa falan da casa dos avós, e non dos pais, se viron que a galiña sae dun ovo", apunta Monasterio sobre esta experiencia que é gratuíta para os centros, mais alá do consumo que poida ter a incubadora. 
Ao chegar a xuño, este curso terán pasado por máis dunha vintena de centros educativos de toda Galicia (Guitiriz, Monforte, Rábade, San Sadurniño, Meira, Valdoviño, A Estrada, Ponteareas, etc), aos que se van sumando outras entidades, coma por exemplo o centro de día de Abadín, que participou nesta actividade conxuntamente cos preto de 20 escolares de educación infantil do Ceip Aquilino Iglesia Alvariño.

Escolares e usuarios, cos seus agasallos. C.PÉREZ
Escolares e usuarios, cos seus agasallos. C.PÉREZ

Unha das traballadoras do centro de día, integrado na rede da Xunta, soubo do proxecto de Avimós polo colexio da súa filla e pareceulle que era "ideal para o centro de día, porque son todos do rural e é unha realidade coñecida para eles". "Implicáronse moito todos, controlando a temperatura, a humidade, foi un aliciente no seu día a día", din dende o centro, que ten preto de 40 usuarios

E a idea inicial xa foi compartir a proposta do colexio, co que mantiñan un intercambio constante de actividades que se viu freada coa chegada do coronavirus e que agora queren recuperar. "Gústanos moito vir e este ano é o primeiro dende a pandemia", confirman dende o Ceip.  

Usuarias do centro de día, cun pitiño. C.PÉREZ
Usuarias do centro de día, cun pitiño. C.PÉREZ

O pasado venres 31, nenos (tamén acudiron o día que se instalou a incubadora) e maiores compartiron o momento de coñecer os pitiños nunha emotiva xornada na que ademais houbo intercambio de agasallos feitos á man. Os maiores recibiron un ovo de Pascua e os escolares, un chaveiro cun pitiño de la. 

Eses 21 días necesarios para chocar os ovos tamén foron seguidos con moita atención durante o pasado mes de marzo non só pola aula de cinco anos do Ceip Insua Bermúdez de Vilalba, onde estaba a incubadora, senón polo resto de escolares de infantil, aos que ía dirixida a actividade... e por todo o centro.

Intercambio de agasallos en Abadín. C.PÉREZ
Intercambio de agasallos en Abadín. C.PÉREZ

"A experiencia foi moi interesante, ata pensamos se ter unha incubadora propia no colexio, porque non aprenderon só os nenos, tamén nós", asegura a titora de sexto de infantil, Silvia Castelo, sobre un proxecto que aúna metodoloxía, investigación, ecopedagoxía, achega os nenos ao mundo físico e á ciencia... 

Ovoscopia no Insua Bermúdez. EP
Ovoscopia no Insua Bermúdez. EP

E para facelo aínda "máis emocionante", os escolares recibiron unha carta dun galo e dunha galiña que lles encomendaron "coidar os oviños ata que eles volvesen". E viñeron, coa xente de Avimós, cando se tacharon os 21 días no calendario. Mais antes houbo de supervisar cada día a incubadora, ver que pasa dentro do ovo grazas a unha ovoscopia (pode facerse cunha lanterna ou mesmo co móbil), contar contos relacionados co mundo animal ou emocionarse ao ver o primeiro pitiño rompendo o cascarón.

O destino das roladas (o número de ovos que eclosionan varía, pero a media e dunha decena) depende das posibilidades de cada centro. Ás veces, Avimós recolle os pitiños, pero tamén hai colexios que deciden quedar con eles, para que os nenos sigan vendo o proceso de crecemento. Despois, ou ben se reparten entre persoas da comunidade educativa que poden facerse cargo deles ou ben se lles habilita un galiñeiro no propio recinto escolar, como fixeron a principios deste curso no Ceip Terra Chá da parroquia vilalbesa de Román.

Alumnado do colexio Terra Chá de Román, no galiñeiro. C.PÉREZ
Alumnado do colexio Terra Chá de Román, no galiñeiro. C.PÉREZ

Neste centro apostaron por desenvolver un proxecto agrogandeiro enmarcado no programa Mestres Gandeiros do Plan Proxecta da Xunta. Tamén falaron con Monasterio, que lles propuxo participar na iniciativa da incubadora. E como resultado, a día de hoxe no centro teñen catro galiñas e dous galos de raza Mos. 

Alumnado do Ceip Terra Chá de Román, no galiñeiro. C.PÉREZ
Alumnado do Ceip Terra Chá de Román, no galiñeiro. C.PÉREZ

"Os nenos teñen un calendario e, por grupos, supervisados polos profesores, fanse cargo da limpeza e da alimentación, e xa están eles pendentes, non hai que recordárllelo", din dende o centro, no que aproveitan desperdicios do comedor ou o que producen no invernadoiro para darlles de comer. O director, José Manuel López, asegura que para os seus 65 alumnos está a ser "unha experiencia moi boa, son ciencias naturais e así aprenden e asimilan contidos". 

E é que tanto neste caso coma no do resto dos centros polos que pasou Avimós, se algo sobra nesa espera para que dun ovo saia un pitiño, son ilusión e motivación.

Alumnado de infantil do Ceip Terra Chá de Román, no galiñeiro. C.PÉREZ
Alumnado de infantil do Ceip Terra Chá de Román, no galiñeiro. C.PÉREZ
Raza autóctona: Máis de dúas décadas de traballo
Avimós iniciaba a súa andaina en 2001 e, máis de dúas décadas despois, pódese dicir que o obxectivo de recuperar a raza, a primera autóctona de galiñas considerada como tal en Galicia, está cumprido, aínda que siga a figurar no listado de especies en perigo de extinción.

Exemplares No censo oficial, a 31 de decembro de 2022, figuraban, como reprodutores, 6.321 femias e 448 machos. O número total de exemplares censados rondaba os 14.700.

Criadores Hai 220 criadores no rexistro galego explotacións avícolas artesanais, 51 deles en Lugo e 22 na comarca chairega. Porén, o número real é moito maior, xa que está estendida por toda Galicia e hai moita xente que as ten aínda que non estea dada de alta no rexistro. 

Saídas A produción de ovos e a de carne, que tivo un baixón na pandemia, e a reprodución son as saídas da raza.

Obxectivos "Tentar que se manteña e que haxa máis xente que poida vivir exclusivamente da Galiña de Mos, agora que se está apostar polo produto de proximidade", di Monasterio.
 
Escolares do Ceip Terra Chá de Román, no galiñeiro. C.PÉREZ
Escolares do Ceip Terra Chá de Román, no galiñeiro. C.PÉREZ

Comentarios