Outras épocas e unha Cita coa Historia

O barrio pontés da Vila subiuse unha vez máis á maquina do tempo para pasear entre castrexos e romanos,a rtesáns ou seres máxicos

Os reloxos contaron cara atrás e unha nova Cita coa Historia, a quinta, serviu de máquina do tempo para dar o salto a outras épocas. As rúas do barrio pontés máis antigo, a Vila, enchéronse de romanos, de castrexos, de diferentes artesáns e incluso de seres máxicos xa o venres, nunha viaxe ao pasado que se prolongará ata hoxe cun programa cargado de propostas.

Tras a primeira noite animada polas gaitas, o sol sumouse á festa, pero foron bastantes os que decidiron retar ás altas temperaturas buscando algunha sombra e algo para referescarse nalgunha das tabernas -sempre animadas-, que se suman ao medio cento de mercaderes que ofrecen xabóns, especias, gastronomía, aromas, xoias ou xoguetes, entre outra infinidade de produtos, na rúa Real e a Praza da Igrexa.

historia 1Na parte de atrás do templo, onde estivo o antigo cemiterio, instalaron o seu campamento os romanos, que onte ofreceron unha exhibición de loita de gladiadores e talleres infantís de coiro, colgantes ou maquillaxe. E a cetrería foi outro dos grandes reclamos con espectáculos e exhibicións nos que participaron nenos e maiores.

Na Rúa dos Oficios, mentres, outra decena de artesáns mostran os seus traballos en vivo. "A xente empeza a coñecer máis esta rúa e hai movemento", dicían os artesáns ao tempo que recibían aos camiñantes que se perdían entre o traballo no torno de Amigos da Madeira, os segredos da construción de gaitas con Xosé Piñeiro, as técnicas de confección de cerámica romana con María Isabel Carril, a forxa con José María Castro, o taller de tecidos de Raquel Arnáiz e Maite Palacios ou como se acuñaban as moedas da man de Raimundo Ruibal.

Cando foi caendo a noite foise subindo máis xente á maquina do tempo e a música foi a grande protagonista cun festival no que participaron Ulträqäns, Pelepau e Tanto nos Ten nuns animados concertos.

A partir das 17.00 horas, sonará a música dos Trevillas polas rúas, e ao fauno sumaranse outros seres mitolóxico

DOMINGO. A Cita coa Historia, organizada pola asociación Lembranza da Vila en colaboración co Concello das Pontes, continuará este domingo todo o día. O mercado abrirá ás 11.00 horas e haberá pasarrúas de No Cómbaro e Gaeloci pola mañá. O fauno volverá percorrer A Vila -arrincando sorrisos e algunha bágoa dos máis asustadizos- e chegarán a As Pontes as lexións da Cohors III Lucensium. Haberá talleres infantís de desfiles de romanos e de calco de petroglifos. Tamén cetrería.

Pola tarde, a partir das 17.00 horas, sonará a música dos Trevillas polas rúas, e ao fauno sumaranse outros seres mitolóxicos. Volverá desfilar a Cohors III e a cetrería e a loita de gladiadores, xunto a novos espectáculos de rúa, pecharán o programa. Ás 19.00 horas, ademais, entregaranse os premios do concurso de caracterización.

Comentarios