A outra cara da Transición

Unha recompilación de filmacións de finais dos 70 deu lugar a Vestigios en Super 8

Filmación da tratorada no centro de Lugo no 77. EP
photo_camera Filmación da tratorada no centro de Lugo no 77. EP

Ensanchar o relato. Non ver o que pasou logo da matanza de Atocha do 77 en Madrid, pero si ver imaxes do enterro en Salamanca dun daqueles avogados asasinados. Esa é a vocación coa que xurdiu Vestigios en Super 8. Filmacións caseiras gravadas en fotogramas de oito milímetros, cando o cine profesional ía en 35, aínda que os primeiros pasos de Pedro Almodóvar como director pasan por este formato.

"É unha mirada historiográfica dende o cotián, que mestura o cine doméstico, o familiar e o amateur. Tanto, que a primeira imaxe é a dun neno abrindo regalos no Nadal". Fala o vilalbés Xosé Prieto, comisario do proxecto xunto a Elena Oroz. Ambos son profesores universitarios e investigadores, o que "facilitou a busca do material porque moito xa o coñeciamos de investigacións anteriores", recoñece o chairego, que imparte Cine Europeo na Universidad Carlos III de Madrid.

Quen visione Vestigios en Super 8 fará unha viaxe entre o 76 e o 79, co país espertando da ditadura e cun momento político convulso, no que "o de sempre" pasa a un segundo plano e toman o protagonismo as escenas familiares, o meollo das manifestacións e a cara íntima dos acontecementos que marcaron un antes e un despois no discorrer da historia.

"É unha mirada historiográfica dende o cotián, que mestura o cine doméstico, o familiar e o amateur"

Grazas á colaboración, "case inédita", entre seis filmotecas -á Filmoteca Española, ideadora da iniciativa, uníronse o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), a Filmoteca de Andalucía, a de Castela e León, a Filmoteca-Institut Valencià de Cultura e a Filmoteca de Navarra- conseguiron reunir o material necesario para a elaboración da cinta de 60 minutos e sen son, "para respectar ao máximo as orixinais", engade Prieto.

A vocación descentralizadora da sesión cinematográfica materializase co espectro xeográfico que abarca, "vai dende Xove e as manifestacións do 79 polo proxecto de central nuclear ata Melilla", di o vilalbés.

E tanto que busca o ensanchamento simbólico e xeográfico, xa que en ningún momento aparecen imaxes de Madrid, "non por nada, senón porque non atopamos nada que se axustase ao que queriamos". Tampouco lograron dar con imaxes do movemento feminista, algo que saben a ciencia certa que hai, pero sen saber onde. "Probablemente, alguén terá gravacións gardadas en calquera caixón, sen darlle moito valor. Por iso insistimos na importancia de depositar ese material en filmotecas ou en arquivos", comenta Xosé, que aínda lonxe de Galicia por mor do seu traballo, sempre está "conectado por Vilalba e por Padrón", de onde é a súa parella.

"Unha das imaxes recompiladas é a da traotrada de Lugo de 1977"

Precisamente, e moi relacionado con ese afecto cara á terra, unha das imaxes máis especiais para el recompilada en Vestigios en Super 8 é a tractorada que se fixo en Lugo no ano 1977, "unha pequena mostra da loita dos traballadores do campo e que se podería recuperar coas recentes manifestacións do sector lácteo que houbo en Galicia". Esta e a gravación de Xove son as únicas da provincia que aparecen na película e as dúas foron filmadas polo cineasta amateur de Lugo Carlos Varela.

Un bico ao final dunha marcha, unha familia na praia, traballadores no mar... Un total de 20 fragmentos que trasladan o espectador 40 anos atrás e, para os máis novos, failles descubrir tempos diferentes.

Polo momento, a sesión cinematográfica xa se exhibiu en diversas filmotecas de xeito gratuíto e están a cerrarse novos pases en Murcia e Zaragoza, que se suman ás seis entidades que cederon material para o filme.

Logo de tres meses de organización dos vídeos recompilados, Xosé Prieto di que aínda seguen traballando, pero xa ten a mirada posta en El último Espaliú, que realiza con Rosalía Banet e «"ntroduce nos 90 a través deste artista cordobés". Agora cabe esperar que aparezan as tan desexadas imaxes da loita das mulleres, porque habelas hainas.

Comentarios