Tres ouros para a comarca chairega

Os alumnos de Formación Profesional veñen de loitar por levar o ouro para a casa en cada habilidade. A Terra Chá presume de contar con tres medallas de ouro entre os seus veciños que xa preparan o Spain Skills en Madrid

Diego Ramil e Hugo Rigueiro. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Diego Ramil e Hugo Rigueiro. VICTORIA RODRÍGUEZ

O saber facer tivo a súa recompensa, polo momento a nivel autonómico, para tres veciños da Terra Chá: o vilalbés Diego Ramil, o pastoricense Hugo Rigueiro e a abadinesa Cristina Ares. Todos eles trouxeron senllos ouros no certame Galicia Skills celebrado en Silleda a última fin de semana de novembro e onde o CIFP As Mercedes de Lugo, ao que pertencen os dous primeiros, se alzou como o que acaparou máis galardóns dourados.

No tocante aos alumnos do instituto lucense, as modalidades coas que resultaron premiados foron Refrixeración e Aire Acondicionado, no caso de Diego, e Pintura do Automóbil, no de Hugo. Precisamente, nesta última destaca o nome de Silvia Folgueira, da Pastoriza, que a punto estivera de traer o primeiro premio internacional en Abu Dhabi hai un par de anos. E eles, como se ven de cara á seguinte parada no certame nacional? "Preparados, se gañamos aquí, tamén o podemos facer en Madrid", di rotundo Diego Ramil, estudante do ciclo medio de Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica.

Diego Ramil gañou no apartado de Refrixeración e Aire Acondicionado, mentres que Hugo Rigueiro o fixo en Pintura do Automóbil

O seu compañeiro Hugo, pola contra, é máis cauteloso apelando a un "aínda non sabemos nin como vai ser a proba". Iso si, o tempo de cara ao certame nacional, previsto para finais de febreiro, apremia, polo que xa comezan a preparación. "Supoñemos que a final consistirá na montaxe dun aire acondicionado, xa que non será unha proba de frío, senón de clima. Teremos que quedar todas as fins de semana a partir de agora", explica Diego, o mozo de Carballido, que no concurso galego tivo que facer unha cámara frigorífica en catro horas e media que conservara un alimento durante 15 días a menos dez graos, na que se valoraba especialmente a eficiencia do aparello.

No apartado de automoción, Hugo Rigueiro, da parroquia de Rigueira, enfrontouse a pintar e plasmar un debuxo no capó dun coche en seis horas, ademais de arranxar —pintar e vernizar— a aleta e a defensa dun turismo en catro horas cada unha, unhas xornadas que tilda de "intensivas, que se viven con moitos nervios porque non agardas o traballo que hai realmente". Este pastoricense recoñece que algo xa coñecía grazas a Silvia, a mellor pintora de automóbiles de España. Para o seguinte escalón é consciente de que "hai que preparalo máis porque haberá máis competencia, centrándonos sobre todo nosdebuxos e en levar variedade, para poder responder ben ante o que propoñan".

Os gañadores xa comezan a preparar o certame nacional, previsto para finais do mes de febreiro

Os dous representantes das Mercedes non dubidan en mostrar agradecemento aos seus titores. Diego califica ao seu, Víctor Paz, como "un amigo máis ca un profesor, del só hai que dicir eloxios", e Hugo recoñece que a experiencia foi moito máis levadeira grazas a Balbino Trigo, o seu mestre.

Cristina Ares. EP

Quen tamén se mostra agradecida é Cristina, veciña de Galgao, en Abadín, que cursa o ciclo medio de Xardinaría e Floraría no IES San Rosendo de Mondoñedo. A única representante deste centro acadou o ouro na modalidade de Floraría grazas a un ramo en forma de bouquet, un centro de Nadal e a ornamentación dun par de cadeiras de noiva, todo iso coa firma do seu gusto persoal baseado na "sinxeleza, en cores non demasiado vistosas", explica a moza. Para a valoración final tívose en conta a orixinalidade das propostas, pero tamén a organización coa que traballaron os participantes ou as técnicas empregadas, "que non podían estar á vista". Para cada elaboración precisou de catro horas, nas que demostrou o aprendido grazas á súa titora Ángeles Camino.

Cristina Ares gañou na habilidade de Floraría, onde demostrou o aprendido grazas á súa titora, Ángeles Camino

A Formación Profesional vive un momento de auxe en canto a méritos acadados e os chairegos son boa mostra diso. Ademais, inciden no pulo que implica a "boa saída profesional" destes ciclos pola especialización que supoñen, xa que, por exemplo, "pintores de automóbiles hai poucos, así que a maioría dos que fan prácticas en empresas acaban empregados alí e iso é un incentivo", comenta Rigueiro, quen se ten que escoller entre a gandaría —ao que se adica a súa familia— ou a pintura, "a pintura, porque a gandaría vai seguir aí".

Agora toca agardar ás probas que se desenvolverán en Madrid no Spain Skills e, por que non, no World Skills. Dende logo, de ganas e de talento van sobrados porque "o facelo ben aquí deunos ás". 

Comentarios