As orquestras do San Xoán critican o "despropósito" das festas de Guitiriz

Lamentan que o Concello permitise "todas" as actividades do 23 ao 25 salvo as verbenas
 
Guitiriz. SEBAS SENANDE
photo_camera Guitiriz. SEBAS SENANDE

As catro formacións anunciadas para as verbenas do San Xoán de Guitiriz denuncian publicamente o "despropósito" destes festexos, fixados do 23 ao 27 de xuño. Lembran que o 24 e o 25, cando ían actuar a orquestra Costa Dorada e o trío Jaque, se suspenderon ao denegar o permiso o Concello, unha decisión que ven "incoherente", mentres que o grupo Arizona e a orquestra Galilea, que "realizaron as súas actuacións como estaba contratado" os días 26 e 27, "non cobraron".

Nun comunicado, no que avanzan que están "a estudar o tema legalmente", extraen unha conclusión "evidente": "Catro empresas (44 persoas que levan un ano e medio sen poder traballar e sen ingresos) non temos culpa de nada e saímos prexudicados economicamente".

As dúas formacións que tocaron o 26 e o 27 aseguran que "non cobraron" polo seu traballo

As orquestras, apoiadas polas asociacións Ago, Asevega e Acople, explican que Sanidade colgaba o 14 de xuño na súa web un protocolo para as festas populares e que a partir del a comisión de festas de Guitiriz as contrata. As formacións precisan que o 21 de xuño a comisión lles comunicou que había !problemas co permiso municipal, xa que o Concello considera que como o protocolo non foi publicado no DOG, non é lei e por tanto non están permitidas as festas populares!. Ante esta situación, Costa Dorada ofreceuse a facer un concerto con xente sentada, pero "non foi escoitada".

O 23, o Concello emite o "decreto de denegación", do que critican que "prohibiu exclusivamente" as súas actuacións, pois "todas" as demais actividades -sardiñada, pasarrúas e festa infantil- se celebraron. O 25, a comisión pedía un novo permiso para o 26 e o 27, concedido ese día, sen que cambiase "nada", din, pois o DOG aínda non publicara o protocolo.

Tamén o 25, a comisión comunicoulle a Arizona e Galilea que a comunidade de montes de San Xoán de Lagostelle -no comunicado lembran que en agosto de 2020 esta entidade lle encomendou organizar as festas patronais á única candidatura presentada, establecendo na acta, din, "que os días principais da festas serán o 24 e 25 de xuño e a comunidade efectuará o pago que corresponda con eses días"- só cubriría os gastos do 24 e do 25, pero estas decidiron cumprir un contrato que aínda non cobraron, denuncian.

A comunidade de montes abonou os gastos do 23, 24 e 25 e o Concello autorizou as verbenas ao entrar en vigor o novo protocolo

As orquestras entenden que a comisión actuou "de boa fe" ao programar actos ata o 27, "extralimitándose seguramente", pero pensando que coa axuda da Xunta e da comunidade de montes "poderían facer fronte aos gastos".

Dende a comisión de festas confirman que o Concello denegou o permiso para as primeiras verbenas ao non estar publicado o protocolo no DOG e precisan que a comunidade de montes xa abonou os gastos do 23, 24 e 25, pero non do 26 e 27, "por non haber verbenas" o 24 e 25, din, decisión que non comparten, ao entender que o acordo recolle organizar actos, pero non especificamente verbenas. A directiva da entidade comunal, sen entrar a valorar a postura das orquestras, precisou que se pagaron, segundo o pactado, as facturas do 24 e do 25, incluíndo a tradicional sardiñada do 23.

O Concello, que tamén preferiu non pronunciarse sobre o comunicado, precisaba en xuño que nas consultas feitas en Sanidade e na Axencia Galega de Emerxencias lles recordadon que se mantiña vixente a orde do 28 de maio, que non autorizaba as verbenas.

Comentarios