Onde se gardan as historias

A biblioteca pública municipal de Vilalba conta cun fondo de 20.000 exemplares, entre os que se poden atopar moitos libros únicos
Atenea Ruibal é a bibliotecaria e conselleira de moitos lectores. AEP
photo_camera Atenea Ruibal é a bibliotecaria e conselleira de moitos lectores. AEP

Hai lugares que contan historias e outros que as gardan. Lugares que semellan portas a outras dimensións ou a outros mundos, habitados polos seres máis fantásticos e curiosos e tamén por xente común, coma ti e coma min. Nas bibliotecas agóchanse historias en forma de libro e cada un deles, ademais de contar a que narran as súas liñas, poden contar a da súa viaxe, pasando de man en man e de lector en lector.

A biblioteca pública municipal de Vilalba abriu as súas portas no ano 1969 e dende aquela centos de lectores atoparon alí libros cos que distraerse, namorarse, rir, enfadarse, cos que pasar medo, tensión ou angustia. Porque libros nela hai para todos os gustos, xa que conta cun fondo de máis de 20.000 exemplares.

E entre eses e os que están no depósito pódense atopar verdadeiras xoias. Algúns deles lidos por ducias e outros que quedaron case por estrear. A biblioteca vilalbesa conta cunha ampla colección de literatura infantil, sobre todo dos anos 70, coincidindo coa época da súa apertura. Coleccións dirixidas aos máis cativos da casa, coma as de Galaxia daquel momento, triunfaban entre os pequenos lectores vilalbeses. Tamén se poden atopar varios libros de Mickey Mouse, o rato que xunto cos seus amigos formou e forma parte da infancia de nenos de xeracións moi distintas. En Vilalba consérvanse cómics deste personaxe datados nos primeiros anos da década dos 30.

Atenea Ruibal é a responsable da biblioteca da capital chairega, da que asegura que o mellor son "os seus usuarios"

Non só hai libros curiosos de literatura infantil, tamén se poden atopar exemplares de literatura xuvenil como unha colección de clásicos da editorial Juventud dos anos 50, exemplares de Cartel de cego que combinaban historias, música e ilustracións de Isaac Díaz Pardo ou un exemplar de A familia de Pascual Duarte de Camilo José Cela cuxo primeiro lector foi precisamente Agustín Fernández Paz.

Ao ilustre autor vilalbés estanlle a habilitar unha sala onde estarán dispoñibles parte dos fondos da súa biblioteca persoal, que quixo doar aos lectores vilalbeses. Esta sala está aínda en proceso de creación e á espera de recibir financiamento para poder acometer a totalidade da súa remodelación.

Tamén hai libros que quizais non son tan comúns en bibliotecas municipais pequenas como a de Vilalba. É o caso dalgúns facsímiles, como por exemplo un sobre herbas e remedios naturais.

Pero a biblioteca vilalbesa ten moito máis, libros actuais ou clásicos que nunca pasan de moda. Se o lector ten dúbidas o mellor é sempre preguntar. E aí vai estar Atenea Ruibal, a bibliotecaria e conselleira que sempre vai ter un libro na mente para cada lector. "O mellor desta biblioteca son os seus usuarios, ímonos coñecendo, sei máis ou menos que lles podería gustar pero tamén me gusta recomendar cousas que se saen un pouco da súa zona de confort", explica Atenea.

"Dende a biblioteca tamén nos gustaría facer actividades, estar presente na vida do Concello, ir ás escolas, ás feiras do libro..."

Recoñece que nos últimos anos viu cambios nos lectores, máis literatura feminista, máis novela en galego ou máis banda deseñada entre os lectores infantís e xuvenís. Cambios en parte grazas ao esforzo da bibliotecaria á hora de recomendar obras ou de facer a escolla dos libros do mes, intentando sempre apostar pola variedade e pola diversidade de temáticas, de xéneros e de linguas.

"Dende a biblioteca tamén nos gustaría facer actividades, estar presente na vida do Concello, ir ás escolas, ás feiras do libro... porque os usuarios que chegan a nós son moitos pero hai moitos outros que non chegan", engade a bibliotecaria.

Atenea Ruibal, unha namorada do seu traballo como ela mesma se define, é a dama das chaves deste lugar onde se gardan as historias e anima a todos a ir, a descubrir e, sobre todo, a ler moito.

Comentarios