RECUNCHOS A DESCUBRIR

Onde as entrañas da terra contan historia

O castro de Saa, na parroquia pastoricense de Baltar, ofrece unha pasaxe na máquina do tempo. Din os arqueólgos que estivo ocupado uns 400 anos 
undefined
photo_camera Castro de Saa, na parroquia de Baltar, A Pastoriza. C.ARIAS

Tras sobrevivir oculto baixo a superficie, o pasado ábrese camiño e das entrañas da terra destápanse séculos de historia. Agroman no que semellan buratos case máxicos. 

O castro de Saa é un alto no camiño dos que merece a pena saborear devagar, sen présa. Nun mundo verde, ao que se accede por pistas que sobrevoan nesta época do ano as cegoñas, o visitante chega por un camiño de terra ata un panel informativo que presenta a máquina do tempo que coñecerá en poucos pasos. 

Castro de Saa (6)Nunha especie de imaxe hipnótica, os fosos que rodean o castro entrelázanse, únense e alónxanse invitando a subir. E unha vez no alto, de súpeto, á croa preséntase completa ante os ollos

É un círculo duns cen metros de diámetro rodeado dunha muralla que só vemos nos buratos máxicos pero que intuimos todo ao redor. Hoxe móstrase verde, coa herba ben cortada e coidada, e baleira, pero estivo chea de vida. Din os arqueólogos que polo menos 400 anos, probablemente dende o século III ou II antes de Cristo ao II ou III despois de Cristo.

En lugares así un perde a perspectiva do tempo, e volve ao presente, ao ver as casas ao lonxe, pero unha vez que un descobre un dos buratos máxicos non hai marcha atrás. O pasado aquí está vivo.

Castro de Saa (9)

O lugar
O castro sitúase na parroquia de Baltar, na Pastoriza, nunha atalaia que ofrece unhas grandiosas vistas. Está moi preto de Fonmiñá, o que facilita a visita á lagoa. 
Curiosidades
Realizáronse cinco campañas de escavación, que se centraron en dúas zonas, unha onde se atoparon varias construccións e unha rede de auga, e outra a carón do acceso á croa, onde apareceu unha vivenda que supostamente tivo varios pisos.  
Punto de interese
O CIN de Bretoña acolle pezas que se atoparon nas escavacións, recreacións e unha maqueta. 

Comentarios