Este venres, día 2, estrearase a segunda edición de Castronomía de Outono, organizado nesta ocasión por Nuria Martínez (Mariva), Miguel Lombardía (Améndoa), Carlos González e Lucía Falcón (Fénix) e Marisol Rodríguez e Miguel Doval (LyM).
Once establecementos de Castro de Ribeiras de Lea —Lea, Chus, Puente, Suso, Paco, Sagitario, Mariva, Arrincadeira, LyM, Fénix e Améndoa—, participan nesta cita, na que servirán ata o domingo 4, ao prezo único de 1,50 euros, tapas ideadas para exaltar os produtos da zona.
As tapas degustaranse a un prezo único de 1,5 euros e os que as caten todas entrarán no sorteo dunha fin de semana no Talaso Atlántico de Oia
As firmas locais Mar de Lorbé, Quescrem, Croketas D, Grupo Sada, Surexport, Frilea e Leitigal achegan a materia prima para esta iniciativa gastronómica, polo que os seus produtos —fíxose un sorteo entre os hostaleiros para saber cales lle tocaban a cada quen— estarán presentes nas tapas que degustarán os clientes. A maiores, os organizadores tamén contan coa colaboración de Estrella Galicia, Abanca, Gaseosas La Pitusa e o Concello de Castro de Rei.
O público, que poderá saborear as propostas dos once locais entre as 20.00 horas e a medianoite, os días 2 e 3, e de 12.00 a 15.00 horas, o domingo 4, tamén poderá entrar no sorteo dun premio valorado en 600 euros, unha estancia de fin de semana para dúas persoas, con todo incluído, no hotel Talaso Atlántico de Oia, sempre que completen a ruta e proben todas as tapas.