O RECUNCHO DE GONZALO BASANTA

O Alto da Corda: ollar a Terra Chá dende as alturas

Dende este lugar, coñecido polo descenso de carrilanas, obsérvase a maxestosidade das terras chairegas
Vista de Abadín dende o Alto da Corda. S.I.
photo_camera Vista de Abadín dende o Alto da Corda. S.I.

Cando Gonzalo Basanta era pequeno, acompañado dos seus amigos, subía coa bicicleta a empinada costa do Alto da Corda imitando aos ciclistas do Tour de Francia que vía pola televisión. Foi crecendo e, co paso do tempo, deixou de lado o ascenso desta pendente para comezar a baixala a toda velocidade. Este abadinés foi un dos ideólogos da clásica baixada de carrilanas que se celebra na localidade de Abadín cada terceira fin de semana de xullo dende hai máis de 20 anos.

"É unha zona que me gusta, ten unhas vistas espectaculares. Ademais é de onde sae o descenso de carrilanas, que é un dos eventos máis importantes da vila", explica Gonzalo, que é presidente da asociación Baixada de Carrilanas A Corda. "O que máis me gusta son as vistas. Sobre todo, cando subes pola mañá con néboa. Dende alí ves o sol enriba de toda a Terra Chá, que parece un mar", sinala.

O Alto da Corda é o lugar con máis altitude de Abadín e dende o seu punto máis alto, o favorito de Gonzalo, ao carón dunhas antenas, gózase do máximo esplendor da Terra Chá, cunhas vistas de 360 graos nas que se olla 15 quilómetros ao redor. Vilalba, Feira do Monte, A Pastoriza e, incluso, a cheminea da central térmica das Pontes son algúns dos lugares que se poden contemplar.

"Quédome un anaco mirando cara a un e a outro lado e sinto tranquilidade. Daste conta de que vives nun sitio espectacular", afirma Gonzalo. Pese á maxestosidade do lugar, este veciño de Abadín cre que non se lle saca todo o partido que debería. "Para min podería dar máis de si. Non está correctamente explotado, non hai rutas de sendeirismo, rutas a cabalo... O monte non é veciñal, pero sería un punto incrible para poñer un mirador. A despoboación afecta moito", afirma.

Última edición da baixada de carrilanas. CRIS ARIAS
Última edición da baixada de carrilanas en 2019. CRIS ARIAS

CARRILANAS. Este evento leva sen celebrarse dende 2019 por culpa do covid. A proba chegou a ser puntuable para o campionato de España e xuntou un centenar de participantes procedentes de diferentes comunidades autónomas. Este verán as carrilanas baixarán de novo na súa XIX edición, a velocidades que superan os 100 quilómetros por hora. "É un circuito moi grande, dos mellores no ámbito nacional", conclúe Gonzalo.
 

Comentarios