Olalla Rodil chama a mobilizar o voto cara o BNG "para que se produza un cambio real"

Acusa o PP de deixar sen servizos e comunicacións a Terra Chá
Olalla Rodil en Vilalba. BNG
photo_camera Olalla Rodil en Vilalba. BNG

A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, participou nun acto público en Vilalba, onde puxo o foco na xestión que levou a cabo os últimos once anos a Xunta de Galiza do Partido Popular nas vilas. Segundo Olalla Rodil, "Vilalba é un exemplo moi claro de que o PP non gobernou pensando en asentar poboación nas vilas e nos núcleos do rural".

"O primeiro paso que temos que dar para asentar a poboación nas vilas e no rural é dispoñer de servizos básicos como o transporte", afirmou. Nesa liña, incidiu en que a capital chairega é un punto céntrico da provincia, comunicado mediante autovías con Lugo, A Mariña e a Coruña, "mais a única liña de bus que para aquí é a que comunica Lugo coa Coruña". Así, acusou o Partido Popular de deixar sen servizos e sen comunicacións a Terra Chá.

Rodil afirmou que Vilalba “merece unha estación de buses funcional e liñas que a comuniquen co resto da poboación” e pediu o voto para o BNG o 12 de xullo, “para que toda a poboación de Galiza teña acceso a servizos públicos básicos, como educación, sanidade ou atención aos maiores”.

Segundo a candidata, "o 12 de xullo podemos conseguir un cambio real na Galiza, un cambio que reconstrúa os servizos públicos que eliminaron once anos de goberno do Partido Popular, e que faga historia poñendo a Ana Pontón como primeira muller presidenta da Xunta de Galiza”.

ORGULLO. Coincidindo coa celebración do día do Orgullo LGBT, Olalla Rodil afirmou que "temos que lembrar a loita deste colectivo os 365 días do ano". "Un dos obxectivos do BNG no goberno da Xunta a partir do 12 de xullo será acadar unha sociedade sen discriminacións", prometeu.
 

Comentarios