Oitenta anos do pasamento de Antonio García Hermida

Sirva para lembrar a este home que fixo tanto por Vilalba nunha época complexa e difícil, con moito poucos medios, pero con grande espírito de sacrificio
Antonio García Hermida. EP
photo_camera Antonio García Hermida. EP

Para ti, Carmiña, Carmiña García Mato, alá onde esteas

EL PROGRESO, sábado, 26 de agosto de 1939. Na súa páxina dúas recolle a seguinte noticia: "VILLALBA. Las tradicionales fiestas de San Ramón de nuestra villa, por ser este año el de la Victoria, alcanzarán el máximo esplendor… Las fiestas darán comienzo a las doce de la mañana del próximo día 30. Los días 31 y primero serán amenizadas por la renombrada banda de música del Regimiento de Zamora… De los pueblos vecinos se reciben noticias de la organización de nutridas excursiones al objeto de visitar nuestra villa durante los próximos festejos. (García Hermida)".

O venres, 1 de setembro de 1939, El Progreso recolle un artigo de Antonio de Cora Sabater, Bajo la Pravia, no que fala da Vilalba da época desde a perspectiva dunha persoa que se senta baixo da Pravia e contempla o ir e vir, os costumes da xente; e sinala que "…No conocía yo a Villalba hasta estos días en que hube de ser huésped de la coquetona villa que preside un castillo…".

Martes, 5 de setembro de 1939. El Progreso, páx. 2. "LETRAS DE LUTO. Anoche nos sorprendió la triste noticia de la muerte de nuestro querido amigo y activo corresponsal de El Progreso en Villalba, D. Antonio García Hermida. El señor García Hermida dejó de existir en aquella villa ayer por la tarde, dejando sumidos en el mayor dolor a todos sus deudos y amigos. Era el fallecido, persona activísima. Contaba con uno de los comercios más acreditados de Villalba. Ostentaba la representación de los más importantes periódicos de Galicia con los que mantenía estrechas relaciones. Se efectuará su entierro mañana a las once. Acompañamos en el sentimiento a su afligida esposa doña Irena Mato Grandío, hijos, hermano Don Vicente, cura párroco de Landrove y demás familia".

Ese mesmo día, na páxina 3 de El Progreso, aparece a esquela de Antonio García Hermida.

Isto é o que sabemos, segundo El Progreso, dos derradeiros dez días da vida de Antonio García Hermida, o periodista, escritor, poeta, comerciante, pero tamén pai de familia. En todo caso, vemos que era corresponsal deste periódico, que moi probablemente Antonio de Cora estivo na casa de García Hermida naquel San Ramón —sabemos que García Hermida era moi dado a convidar a amigos á súa casa, como fixo durante anos con Noriega Varela—, e que a súa morte debeu ser, cando menos, inesperada aínda que estivera enfermo —algo que descoñezo e do que nunca escoitei falar—.

Non sei se esa crónica do día 26 de agosto de 1939 foi o derradeiro texto que escribiu García Hermida. Poida que si, e poida que non. En todo caso, esa crónica demostra que García Hermida seguía divulgando as bondades da súa Vilalba natal. O mesmo que fixera desde que tiña uso de razón.

Como vemos, hoxe cúmprense 80 anos do falecemento de Antonio García Hermida. E non vou ser eu quen tente descubrir nada novo sobre este home, de aspecto ‘campechano’, e que, segundo a súa filla Carmiña García Mato —gardo con agarimo inmenso as mellores lembranzas de Carmiña e das conversas que temos mantido na libraría que fora comercio de seu pai—, era desprendido, amigo dos seus amigos, preocupado polos fillos e preocupado tamén por Vilalba, a súa terra. 

Colocación dunha placa en memoria de García Hermida na súa casa natal. EPSó facer un breve resumo da traxectoria deste home que naceu en Vilalba o 7 de abril de 1885 —polas Letras Galegas de 1985, a instancias do colexio Insua Bermúdez, colocouse unha praca na súa casa, o número 5 da actual Rúa Xosé Luis García Mato, o fillo máis novo de García Hermida e tamén recoñecido escritor, investigador e poeta vilalbés—. 

Sendo un rapaz, editou unha folla voandeira, El Ideal Villalbés —da que se conserva o seu primeiro número, e quizais o único, e que é o preludio da longa relación de periódicos editados en Vilalba hasta 1936—. A principios da década dos dez do século pasado, fixo unha ampla campaña en diversos periódicos galegos para salvar o castelo de Vilalba. Escribiu en El Eco de Villalba, Villalba y su comarca… Fundou en 1914 a publicación Azul y Blanco e en 1916, Heraldo de Villalba, que, significativamente, rematará a súa vida o 12 de abril de 1931 —a chegada da República afasta a García Hermida da primeira liña da vida cultural de Vilalba, sen saber exactamente o porque, aínda que nas páxinas do penúltimo número de Heraldo, 27 de marzo de 1931, o seu pesimismo é máis ca evidente—.

O que se autodefiniu como "noivo número un de Vilalba" escribiu abondosa poesía, dende aquela con inspiración relixiosa ata a comprometida, pasando polos versos de Entroido. Articulista áxil, tamén escribiu contos e teatro —conservo unha copia de El huérfano y la esperanza, de 1913, que só se representou tres veces, a primeira ese mesmo ano e as outras dúas en 1984 por dúas alumnas do colexio Insua Bermúdez, Sara Veiga e Ana Rodríguez—.

Dicía que non ía ser eu quen fixese un estudo a fondo sobre Antonio García Hermida. Non son quen para facelo porque xa os hai. Comezando pola edición dos poemas en galego recolleitados polo seu fillo Xosé Luis García Mato, co nome de ‘Charetas’, editada por Castrelos en 1973. Xulio Xiz tamén se para no noso home en ‘Os poetas de Villalba’, Edicións Celta, 1983. Un dos grupos de traballo do colexio Insua Bermúdez —o formado por Moncho Paz e Pablo Naseiro, primeiro, e logo por Mario Paz e José Miguel Bermúdez— publicou no suplemento Táboa Redonda deste periódico, o 1 de maio, 12 e 20 de xuño, e 17 e 25 de xullo de 1985 artigos sobe García Hermida. Tamén podemos atopar outros dous artigos no mesmo suplemento o 31 de agosto de 1984 e o 9 de abril de 1986 —perdón pola autocita—. 

Indispensable é o libro Seis escritores de Villalba. Escolma Poética, dos Grupos de Traballo do colexio Insua Bermúdez, editado pola Deputación Provincial de Lugo en 1986 —sendo alcalde de Vilalba e presidente do ente provincial José María García Leira—, pola contía de datos aportados e poemas recolleitados. E por suposto non podemos esquecer os artigos periodísticos que a seu pai adicou Xosé Luis García Mato, que podemos ler no vol. II da Obra Completa de Xosé Luis García Mato, editada pola Deputación Provincial en 2009 e promovida polo Iescha. 

Seguramente haxa máis traballos sobre Antonio García Hermida. Sirvan todos eles, os indicados e os involuntariamente esquecidos, para lembrar, con admiración e fondo respecto, a este home que fixo tanto por Vilalba nunha época complexa e difícil, con moi poucos medios, pero con grande espírito de sacrificio e moito traballo.

Comentarios