Oferta de diversión para conciliar mellor

Os concellos de Terra Chá, Meira e a localidade das Pontes programan diferentes actividades e campamentos durante os meses de verán para facilitar o día a día sen colexio das familias
Mural elaborado polos participantes do campamento da Pastoriza, unha actividade programada dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero polo Ministerio de Igualdade. MARTA MANCEBO
photo_camera Mural elaborado polos participantes do campamento da Pastoriza, unha actividade programada dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero polo Ministerio de Igualdade. MARTA MANCEBO

Coa chegada do verán e das vacacións dos máis pequenos da casa é de obrigado cumprimento para ás familias reorganizar os seus horarios. Sábeno ben os concellos, que dende hai anos programan diferentes campamentos durante este periodo para facilitar a conciliación ofertando diversión. 

O primeiro en estrearse foi o da Pastoriza, que ofrece estes días diferentes actividades de orientación ou artesanía, así como varias visitas, unha delas á praia.

Na capital chairega, as posibilidades multiplícanse, xa que ademais do campamento que organiza o Concello de Vilalba —e que se desenvolverá en dúas quendas: do 12 ao 30 de xullo e do 2 ao 20 de agosto—, tamén promoven actividades os centros de ocio infantil Veo Veo, Larilandia e Minds.

Nas Pontes, as familias tamén terán diferentes opcións onde escoller. Dende o tradicional campamento de conciliación do Concello, que tamén será nos meses centrais de xullo e agosto, á proposta de Mañás de verán de Picariños ou a Acampada Intermunicipal na Natureza de Vilarbó, que ofrecerá dúas quendas: do 7 al 18 de xullo, co Campamento Multiaventura, e do 22 ao 28 de xullo, co Campamento Robinson.

En Cospeito ou Xermade dende os concellos tratarán de cubrir as necesidades de conciliación das familias promovendo todo tipo de actividades recreativas e de lecer, como tamén o farán en Castro de Rei, que ofertará contacontos ou excursións, unha das máis esperadas ao Aquapark de Cerceda, entre outras iniciativas ás que se poderán sumar os nenos que vaian a este campamento que terá dous grupos, un Castro de Rei e outro en Castro de Ribeiras de Lea.

En Guitiriz ofrecerase o tradicional programa de conciliación, cun campamento para nenos de tres a nove anos, e a novidosa proposta Aventúrate na Natureza, para rapaces de oito a doce anos, que incluirá unha saída á granxa ecolóxica Bertolos, obradoiros para coñecer á muller labrega ou unha busca do tesouro.

Pero sen dúbida a proposta máis chamativa é o Programa Interxeracional Concilia Muras, orientado a veciños de máis de 65 anos e a nenos de entre tres e 16, e que se desenvolverá por quincenas en xullo, agosto e setembro, posibilitando esa conexión e aprendizaxe entre maiores e pequenos.

Comentarios