Oda á cultura propia

Os actos das Letras Galegas nas comarcas da Terra Chá e de Meira e nas Pontes puxeron en valor o galego con literatura e moita música
Concerto das Letras Galegas de Guitiriz. D.CENDÁN
photo_camera Concerto das Letras Galegas de Guitiriz. D.CENDÁN

Un símbolo de unión e identificación dun pobo cunha cultura tan rica como variada en todos os aspectos. A lingua galega, unha que, aínda que hai que celebrar todos os días, falándoa e sentíndose orgullosos dela, cobra importancia o 17 de maio. Non só a fala, senón tamén unha das figuras que a elevou a nivel literario, Francisco Fernández del Riego, impulsor do propio día hai 60 anos.

Pero non é a escrita a única que se conmemora. Cobran importancia tamén a cantada, a recitada ou as melodías que trasladan a Galicia con tan só escoitar un acorde, cun anaquiño dunha peza de gaita ou co resoar da pandeireta.

Houbo sitios onde non esperaron ao propio día. Nas Pontes comezaron na semana previa cun concerto no que participaron a Banda Cultural e Recreativa da localidade e a banda xuvenil da escola de música pontesa, e en Vilalba, o 16, a biblioteca municipal levou a cabo a iniciativa Sementa galego, coa que agasallaron cunha bolsiña de sementes aos usuarios que levaron en préstamo un libro escrito en galego.

Tamén na véspera, o centro de día de Abadín celebrou esta data tan sinalada co Ceip Aquilino Iglesia Alvariño, recuperando unha tradición que parara coa chegada da pandemia. O festival contou con actividades variadas nas que participaron tanto nenos como maiores, tales como unha actuación musical, un teatro, un ‘pasapalabra’ e a interpretación do himno galego.

O propio 17, foron moitos os lugares que acolleron actos polas Letras Galegas. En Meira comezaron pola mañá cun evento de poesía no que se comezou resaltando a figura de Fernández del Riego, para despois recitar poemas do meirego Avelino Díaz, en reivindicación a que lle adiquen o Día das Letras Galegas. Despois, o grupo de saxos da escola de música de Meira e a prebanda amenizaron a sesión vermú que pechou o acto.

Concerto no acto das Letras Galegas de Meira. TEÓFILO LÓPEZ
Concerto no acto das Letras Galegas de Meira. TEÓFILO LÓPEZ

Nas Pontes, tivo lugar un acto que contou coa intervención do Cronista Oficial da localidade, José María López Ferro, e con melodía a cargo do grupo de música tradicional No Cómbaro e da Rondalla Vila das Pontes. Ademais, quen quixo puido subir ao escenario a ler anacos de textos en galego. 

Concerto no acto das Letras Galegas das Pontes. EP
Concerto no acto das Letras Galegas das Pontes. EP

A música tamén foi protagonista no Castro de Viladonga (Castro de Rei), co concerto de LaMontagne & PicoAmperio, e en Guitiriz, onde actuaron os grupos de iniciación á música Parga/Guitiriz e o municipal de gaitas de Guitiriz, as pandeireteiras Na Casa Zoqueiro, a coral de Xermolos, a banda municipal de música de Guitiriz e a Uned Sénior A Coruña/Guitiriz, nun evento que encheu a Casa Habanera, na que houbo xente que mesmo tivo que quedar de pé.

Concerto no Castro de Viladonga. EP
Concerto de LaMontagne & PicoAmperio no Castro de Viladonga. EP

Na Casa Chaín (Pol) non quedaron atrás, cunha celebración que contou cun espectáculo teatral a cargo de Achádego Teatro no que lembraron personaxes como Castellón, Castelao, Rosalía de Castro, Trapero Pardo ou Maruja Mallo, aproveitando o bo tempo para facelo ao aire libre.

Celebración das Letras Galegas na Casa Chain. EP
Celebración das Letras Galegas na Casa Chain. EP

En Vilalba, o 19 tivo lugar no estadio da Magdalena a Carreira das Letras Galegas, que organizou o Concello coa participación duns 900 escolares dos centros educativos e, un día máis tarde, a Asociación de Reigosa (A Pastoriza) organizou unha xornada na parroquia na que contou con música a cargo de Son de Lugh, Os Valuros e o grupo de música e baile da Pastoriza. Ademais, tiveron unha merenda e postos de artesanía. Nela tamén conmemoraron a figura de Francisco Fernández del Riego.

Tamén o sábado, en Pino (Cospeito) materializouse a doazón de libros de Darío Xohán Cabana á biblioteca rural e nas Xornadas Interxarcionais de Cabreiros (Xermade) lembraron a don Paco cunha charla. Este venres,  na sala de exposicións do auditorio de Vilalba, foi Malores Villanueva, doutora en Filoloxía Galega, a que abordou a figura dun «loitador pola idea de Galicia». 

Comentarios