En primeira persoa

"O obxectivo principal é o de chegar a máis xente"

Son Paula López, natural de Cambre, e agora estou traballando no Centro de Interpretación de Bretoña (CIN), na Pastoriza. Estudei Humanidades, Arqueoloxía e un máster en Profesorado, e aquí podo aplicar todos os coñecementos adquiridos difundindo a cultura britoniense e do concello da Pastoriza.
Paula López, responsable do CIN de Bretoña. EP
photo_camera Paula López, responsable do CIN de Bretoña. EP

Como foi chegar a este posto no CIN de Bretoña?

A verdade é que estou moi contenta. Na rama que estudei, que son as humanidades, non hai moitas oportunidades laborais, e entón por esa parte perfecto, ademais de que o traballo encaixa moi ben cos meus gustos e coas miñas aspiracións, e en Bretoña foron moi amables conmigo dende o principio.

Estivera anteriormente en proxectos similares, ou é a súa primeira inmersión neste mundo?

Nun proxecto así non, pero si que estiven colaborando nunha páxina web facendo contido de guías de viaxe, pero levando un centro coas redes e os programas non, é a primeira vez.

Que retos viu cando chegou para mellorar o funcionamento e o traballo do CIN?

Primeiro houbo unha toma de contacto para ver que facía falta. O centro necesitaba sobre todo difusión, chegar a máis xente, e entón intentamos ver as posibles solucións que se lle podían dar a ese problema.

E como se atallou ese primeiro problema?

Pois comecei pensando solucións, falándoo co alcalde, Primitivo Iglesias, e tomando ideas. Despois con proba e erro, vendo que funcionaba mellor ou peor en cada caso, atallouse.

O traballo encaixa cos meus gustos e aspiracións, e en Bretoña foron moi amables comigo dende o principio

Cales son os principais obxectivos que ten o CIN?

O obxectivo xeral é chegar a máis xente e poñer en valor a historia da diocese britoniense e da rexión. Queremos que se coñeza a cultura, a historia e, por suposto, o contorno da Pastoriza, isto último con cousas como as rutas que temos ou coas actividades para os nenos.

Houbo cambios nas actividades, e agora estase centrando máis na participación da xente. Como se deu isto?

Ao final o anterior encargado fixo un labor incrible e agora era importante incluír un pouco máis o pobo e a xente, e ese foi o camiño que tomei.

A acollida destas actividades foi boa?

A xente respondeu moi ben e as actividades foron moi positivas. Eu pensaba que ían saír ben, pero non contaba que todo fose saír tan ben, a xente agradécenos moito estas actividades e está implicada, a súa gratitude é algo moi bo.

A exposición de fotos é o inicio dun arquivo fotográfico e audiovisual co que queremos recoller todo o patrimonio inmaterial da rexión

Que movementos teñen pensados de cara ao final de ano e ao futuro?

O proxecto ‘Camiñamos xuntos’ vai seguir con outra ruta, ademais de diferentes talleres infantís e obradoiros, quizais máis enfocados en cuestións históricas, pero facéndoos sempre atractivos para os nenos.

Que actividades teñen cabida no CIN?

A exposición de fotos, por exemplo, é o inicio dun arquivo fotográfico e audiovisual co que queremos recoller todo o patrimonio cultural inmaterial da rexión, comezando con fotografías e testemuñas. É un proxecto que queremos ir levando pouco a pouco. Outro, que está relacionado cos restos do castro de Saa, que aínda se segue escavando, é facer dous talleres expoñendo que fai un arqueólogo e clarificando que é a arqueoloxía. 

Como levan a cabo e como organizan todos os eventos que realizan, sendo aínda por enriba de balde?

Penso actividades que non supoñan un gran gasto, falo co Concello e non adoita haber problema, vendo sempre a viabilidade. 

Comentarios