Sábado. 17.11.2018 |
El tiempo
Sábado. 17.11.2018
El tiempo

VILALBA

Obras de mans con alma que se volven tradición

Apeiros para traballar o liño ou a la. C. PÉREZ
Apeiros para traballar o liño ou a la. C. PÉREZ

Canteiros, carpinteiros ou zoqueiros dexaron a súa pegada no concello co seu bo facer en oficios tradicionais que varias entidades pelexan por que non esmorezan e manteñen o seu gran valor cultural 

Poboación
O concello vilalbés conta con 14.354 habitantes censados, dos que 6.971 son homes e 7.383 son mulleres, segundo datos do Ine do 2017.
Vista atrás
A fortaleza de Vilalba pasou por múltiples vicisitudes ata hoxe. Ergueita no século XIII, foi destruída en dúas ocasións, durante a primeira e a segunda guerra irmandiña, e reconstruída outras tantas, a última delas despois do 1469. En xaneiro de 1897, Carlos María Stuart e Portocarrero, XVIII conde de Vilalba, vendeulla a Valeriano Valdesuso, quen a quería para usar pedras dela en novas construcións, do cal desistiu ante as dificultades que presentaba a súa demolición e as protestas xeralizadas dos veciños, apoiadas polo gobernador civil de Lugo.
Curiosidades
Nun periodo de cen anos, apareceron en Vilalba 26 publicacións locais periódicas, das que 19 naceron no primeiro terzo do século XX. A primeira foi ‘El Ideal Villalbés’, que saíu á rúa o 13 de abril de 1902.

AO ABEIRO DOS oficios tradicionais naceu de forma parelela un riquísimo léxico que se foi mantendo ao longo dos anos e que forma parte aínda hoxe da lingua galega e da cultura popular da nosa comunidade. Palabras para designar apeiros ou formas de empregalos, expresións que fan referencia aos distintos traballos ou, incluso, unha especie de idioma particular que empregaban entre os integrantes dun mesmo oficio.

Esto último semella que ocorría cos canteiros, que contaban cunha fala que recibía o nome de latín dos canteiros ou verba dos arxinas. Abismar (ver), argao (canteiro), cubicar (saber, facer contas), esquiro (muíño), quixos (ollos), morrón/a (fillo/a), racha (noite) ou xaspela (feira) son algúns exemplos das palabras que de seguro empregaron os integrantes de saga dos Carboeira, unha familia da parroquia de Román que, ao longo de cinco xeracións, deu vida á pedra da zona para que acadara a inmortalidade en pontes, a meirande parte dos cruceiros da Terra Chá e espectaculares nichos nos cemiterios de Román, Goiriz e Alba, en Vilalba; Cazás, en Xermade, ou Buriz, en Guitiriz.

O paso do tempo e a mecanización do traballo foi deixando sen relevo esta estirpe, tal e como pasou con outras moitas no concello. Oleiros, carpinteiros —en Vilalba, mantéñense os Guntín coa súa terceira xeración—, zapateiros ou cesteiros. Oficios que na súa maioría apenas atopan relevo, pese aos intentos dalgunhas persoas de seguir conservando a maxia do traballo manual, no que se pon moito máis que as mans, ou dos labores de antes, dos que nacían verdadeiros encontros sociais e culturais como as muiñadas, as mallas ou as fiadeiras.

Así, xorde o interese e o esforzo dalgunhas asociacións por manter ese legado inmaterial aínda vivo, como ocorre coa asociación de mulleres San Bartolomeu de Insua —parroquia na que non hai moitos anos se recreaba tamén unha malla—, que desempeñan un importante papel na recuperación do traballo do liño, desde a súa plantación, pasando pola tasca, da que hai xa nove anos realizan unha festa cun amplo programa cultural, e o fiado, ata chegar ao tear, apeiro que foi testemuña en practicamente todas as casas da vestimenta dos distintos membros da familia.

A asociación Nausti de Noche fixo o mesmo cos traballos do millo branco ou a Liga Santaballesa coa Feira Indiana, na que recrean a época dos indianos a todos os niveis, tamén en canto aos oficios e traballos tradicionais que se facían daquela.

Neste tipo de convocatorias teñen unha gran importancia esas persoas que teñen alma, mans e dedicación de artesáns. Tallistas, canteiros, torneiros, cesteiros, zoqueiros e moitos outros que mostran a súa destreza para crear desde obxectos cotiáns ata verdadeiras obras de arte. 

A asociación Obradoiros Artesáns da Terra Chá ou a Asociación de Tallistas da Terra Chá —ambas de ámbito comarcal pero con sede na capital chairega— acollen personas que decidiron facer da súa afección algo máis, un modo de vida. Así, traballan en prol de manter viva a tradición máis inmediata: a duns oficios que se espallaban por todos os ámbitos do día a día.

Un exemplo disto é como as labras que sacaban os zoqueiros aos toros de madeira de bidueira ao facer as zocas eran as que se usaban para afumar o queixo de San Simón, un produto cuxa elaboración aínda segue a manter moita parte dos pasos tradicionais que levaban a cabo, normalmente as mulleres, nas casas. Uns costumes que, pese á modernización das queixerías, se manteñen para seguir ofrecendo un manxar único que leva o nome de Vilalba polo mundo enteiro.

Tamén sobreviviu ao paso do tempo a crianza doutro emblema gastronómico vilalbés: os capóns. As capoeiras e o engorde a base dunha masa feita con patacas, millo e agua fervendo segue moi presente. Un traballo delicado, artesanal e con séculos de historia.

CO OLLO ABERTO
Torre dos Andrade. Vestixio da historia medieval de Vilalba. O xabarín da súa fachada está recheo de ouro.
Legua Dereita. Este crime de 1911 deu pé a numerosos mitos, a unha película e a un programa de Cuarto Milenio.
CANCIONEIRO
Lela. A melodía desta coñecida canción é obra do vilalbés Rosendo Mato, pese aos intentos en 2006 doutro músico de reclamar a súa autoría.
Outros Mato. Santiago Mato Vizoso musicou o poema ‘A romaxe de Tardade’ do seu irmán Manuel. O seu neto Santiago Mato García compuxo a melodía de Casteliño de Villalba.
Irmandades do Falo. Este grupo local destaca por compoñer, cun toque de humor, cancións sobre negocios ou veciños emblemáticos.
POR ESCRITO
A memoria de Vilalba. Álbum de postais antigas da vila, xunto a textos do historiador José Luis Novo Cazón.
Iescha. O Instituto de Estudios Chairegos axudou a editar máis de 50 obras relacionadas coa cultura galega e, especialmente, chairega.
CON MOITO GUSTO
Roscón. Améndoa, azucre, ovos e limón son os ingredientes deste típico postre vilalbés.
Capón. Típico produto que protagoniza a feira máis lonxeva e emblemática do concello.
Queixo de San Simón. Tradición familiar que traspasa xeracións e fronteiras.
PARA SENTIR
San Ramón. Data sinalada para calquera vilalbés. O que está fóra sempre procura volver polas patronais.
Charca do Alligal.  Nas súas augas milagreiras e curadoras dos males da pel, nas que moita xente confía, din que aínda permanece sumerxida unha das tres belas doncelas que estaban alí encantadas.
Tal como eramos. As exposicións de fotos antigas do Iescha xeran tantas emocións como imaxes mostran.
CANTO CONTO
Pena de Miguel. Agocha o acceso a un pasadizo subterráneo que chegaba ata o castelo. Ademais de gardar un tesouro, era utilizado polos mouros para levar beber os seus cabalos.
Capela de San Nicolao. A lenda sobre este lugar relata o cumprimento, non sen certas dificultades, dunha promesa feita polos fillos dun foreiro nun barco a piques de naufragar.
Pena do Encanto. Lugar ao carón do río Trimaz que garda historias de amor e de medo.
Castro de Oleiros. Nel houbo un achado en forma de arca de pedra chea de moedas que fora agochada polos árabes e que din se conserva no Museo Provincial de Lugo.
Sartego de Noche. Atribúeselle a propiedade de axudar aos nenos que tardan moito en andar, os cales teñen que pasalos por debaixo.

Obras de mans con alma que se volven tradición
Comentarios