As obras da gran área deportiva e recreativa de Pol entran na súa recta final

O Concello ultima a construción dos novos accesos e a dotación de servizos ao campo de fútbol e a zona de xogos tradicionais, que poderían estar operativos para o próximo verán
Nova área deportiva de Pol. M. ROCA
photo_camera Nova área deportiva de Pol. M. ROCA

Atraer xente a Mosteiro e convertilo nun punto atractivo como zona de ocio e esparcemento dirixido a un público familiar é o obxectivo co que se ideou a nova área deportiva e recreativa que o Concello de Pol está promovendo na capitalidade municipal, na zona próxima ás piscinas, o pavillón, o colexio e a área de recreo do Muíño do Pacio.

O proxecto, cuxas obras levan algo máis dun ano en marcha e inclúen un novo campo de fútbol de herba natural, unha zona de xogos tradicionais e outros recintos deportivos, atópase actualmente na súa recta final e a previsión do goberno local é que a finais da próxima primavera xa estean operativas todas as instalacións, habilitadas nunha superficie duns 39.000 metros cadrados.

Os traballos que están en marcha agora céntranse en crear os novos accesos á área deportiva e en dotala de servizos, concretamente conectando a traída municipal para o rego automático do campo de fútbol. O terreo de xogo deste xa está listo, despois de que a firma Calfensa procedera ao sementado do céspede o pasado mes de outubro e polo que haberá que esperar á primavera para ver como quedou.

O proxecto conta cunha inversión que supera os 800.000 euros, dos cales máis de 700.000 son da Deputación e aos que se suman unha subvención do GDR-2 e os fondos municipais

Este mes, ademais, quedará lista a zona de xogos tradicionais, uns traballos dos que se encargan varias empresas —as obras adxudicáronse en distintos lotes—. Así, a previsión é que en breve estean rematadas as áreas para a billarda, os bolos, a petanca, a chave e os xogos de mesa, así como a tirolina e a cuberta da pista de pádel.

Deste xeito, quedará pendente a construción dos vestiarios, un ximnasio e a tribuna do campo de fútbol, ademais de instalar as torres de luz, unhas obras das que se encargará a Deputación de Lugo e que están incluidas tamén, ao igual que os accesos, no último convenio que firmou o ente provincial co Concello e polo que aportará 392.000 euros a estas dotacións.

Esta inversión súmase aos 330.000 euros que a Deputación xa aportou, a través doutros convenios e do plan único, que serviron para adquirir os terreos e acondicionalos para realizar o terreo de xogo. 

Unha subvención do Grupo de Desenvolvemento Rural Terra Chá (GDR-2), destinada á zona de xogos, e fondos municipais completan unha inversión que superará os 800.000 euros, segundo os cálculos do goberno local, nun proxecto que busca achegar novos visitantes ao concello polense.

Actividades para todas as idades
A nova área deportiva de Pol compartirá accesos coa piscina municipal, coa idea de que no verán os usuarios poidan gozar dunha oferta máis ampla e variada.

Campo de fútbol
De céspede natural, ten unhas dimensións de 105x68 metros de terreo de xogo, máis de 1,5 metros de bandas nos laterais e 2,5 metros nos fondos. Contará con grada e vestiarios.

Outra pista
En xaneiro comezarase a construción doutro campo máis pequeno, duns 2.600 metros cadrados y de herba artificial, para que poidan xogar alí partidos nenos e maiores.

Zona de xogos
Incluirá tres pistas de billarda, unha de bolos, outra de petanca, chave, xogos de mesa, pista de pádel e tamén unha tirolina.

Proxectos de futuro
O alcalde de Pol, Lino Rodríguez, avanzou que tamén se habilitará na zona unha pista de raid hípico e unha plataforma para caravanas. "Queremos traer xente a Mosteiro, que sexa unha zona para pasar un día de lecer en familia", dixo.
 

Comentarios