Un obradoiro de emprego mellora espazos públicos de Feira do Monte e Muimenta

Seis operarios do módulo de albanelería acondicionaron a contorna da igrexa cospeitesa e agora humanizan a Rúa Ramón Ferreiro
Persoal do obradoiro, co alcalde de Cospeito no cruceiro. C. PÉREZ
photo_camera Persoal do obradoiro, co alcalde de Cospeito no cruceiro. C. PÉREZ

O obradoiro de emprego Camiño da Chaira VII executa en Cospeito dous proxectos de mellora de espazos públicos, consistentes no acondicionamento do contorno da igrexa de Feira do Monte e da Rúa Ramón Ferreiro de Muimenta.

O Concello cospeités optou nesta nova edición do xa clásico taller, que comparte unha vez máis cos municipios de Castro de Rei e de Outeiro de Rei, por solicitar un módulo de albanelería para levar a cabo estas dúas actuacións.

Os seis alumnos do obradoiro xa remataron os traballos na capitalidade municipal, onde substituíron o antigo pavimento de baldosa por un novo pavimento de cantería, máis acorde coa contorna e seguindo os criterios marcados por Patrimonio.

Esta intervención, que requiriu do uso de tres camións de pedra, completouse coa posta en valor do cruceiro localizado ante o templo, no que se recuperou o último escalón da base deste elemento, que ata o de agora permanecía soterrado, tal e como detallou o rexedor cospeités, Armando Castosa.

O equipo do obradoiro de emprego xa se trasladou a Muimenta, onde traballan na humanización dunha rúa anexa á Praza Maior -esteticamente integrase con esta- e cuxo acondicionamento era unha vella demanda veciñal.

O proxecto que se está a executar contempla a dotación dunha beirarrúa de entre tres e catro metros de ancho, o asfaltado da calzada para a circulación rodada e a habilitación de prazas de aparcamento na marxe esquerda desta vía.

O obradoiro de emprego Camiño da Chaira VII, subvencionado pola Xunta de Galicia, iniciábase o pasado outubro e, con doce meses de duración, concluirá a comezos de outubro do presente ano. Conta cun director, tres monitores, un administrativo e, puntualmente, un titor, así como 20 alumnos.

Aos seis de Cospeito únense sete noutro módulo de albanelería en Castro de Rei, cuxo cometido está a ser realizar melloras en diversos centros sociais, e sete en Outeiro de Rei, que se están a formar na especialidade de pintura realizando traballos en varios centros socioculturais municipais.

Comentarios