Begonte

O obradoiro de emprego completará a rehabilitación da cámara agraria

Os alumnos acondicionarán os dous andares superiores, nos que o Concello ten previsto habilitar novos locais para actividades, e a fachada do céntrico inmoble. O baixo, no que se crearon un telecentro e unha aula de formación, xa está en uso
Edificio da cámara agraria de Begonte. C.PÉREZ
photo_camera Edificio da cámara agraria de Begonte. C.PÉREZ

Un dos módulos de albanelería da nova edición do obradoiro de emprego que comparten os concellos de Begonte, Friol e Rábade, denominado Cumes da Terra Chá IV, centrará o traballo no municipio chairego no acondicionamento dos dous andares superiores e da fachada do edificio da antiga cámara agraria, localizado na Praza Irmáns Souto Montenegro, fronte á casa do concello.

A Xunta subvenciona o obradoiro con 346.946 euros —e achega 30.000 máis para apoiar a posterior contratación en empresas da zona, durante un mínimo de tres meses, dos 20 alumnos do taller—, mentres que o Concello de Begonte prevé contribuír con outros 50.000 euros para levar a cabo as obras no inmoble. 

A actuación, que levará a cabo o grupo de 13 operarios que comparten Begonte e Rábade durante os nove meses que dura o obradoiro —prevese que traballen catro meses en cada concello—, inclúe a restauración da fachada así coma das paredes dos locais habilitados nos dous andares superiores, ademais da dotación do chan.

Dende o Concello lembran que en actuacións previas, algunhas delas tamén a cargo doutros obradoiros, xa se avanzou nas obras, primeiro co baleirado interior do inmoble e despois coa adecuación dos novos espazos, deixando tamén listas a instalación eléctrica ou a fontanería. 

Unha vez culminen as obras previstas agora, a seguinte fase sería a dotación do mobiliario necesario para poder comezar a darlle uso aos nove novos locais resultantes do reparto dos dous andares superiores.

"A idea é que poidan usalos as asociacións e tamén acoller actividades", avanzan dende o Concello, lembrando que dende un primeiro momento enfocaron a rehabilitación da antiga cámara agraria coa vista posta en darlle distintos usos, tendo en conta as grandes dimensións do inmoble, con preto de 200 metros cadrados por andar, comunicados tamén a través dun novo ascensor.

"É un edificio versátil", apunta o tenente de alcalde begontés, Luis Luaña, que avanza que, unha vez rematado, poderá acoller outras iniciativas que redunden no beneficio do concello, como por exemplo un viveiro de empresas.

O baixo do edificio xa está en uso dende hai ao redor dun ano. Nel habilitáronse, cunha axuda do GDR Terra Chá, unha aula de fomación homologada e un telecentro para acoller os cursos que se promoven dende o Concello e outras actividades.  

Reforma integral: Adquisición nun proxecto de mellora conxunta
O Concello de Begonte apostaba hai xa uns anos por adquirir a antiga cámara agraria, un céntrico edificio que ofrecía grandes posibilidades pero que se atopaba case sen uso —o Concello dispoñía do baixo como almacén e garaxe—, deteriorándose pouco a pouco, sobre todo por danos na cuberta.
Varias anualidades
O Concello acordou comprarlle á Xunta o inmoble por uns 40.000 euros, que abonou en catro anualidades. Xa en 2016 elaboraba un proxecto de rehabilitación, cun orzamento que rondaba o medio millón de euros, e comezaba a busca de axudas para afrontar o arranxo do edificio, cuxo antigo uso aínda lembraba un letreiro na fachada: Hermandad de Labradores y Ganaderos.
Praza e casa do concello
A recuperación deste inmoble, usado antigamente polos sindicatos agrarios, intégrase no plan de mellora conxunta da Praza Irmáns Souto Montenegro e da casa do concello, dúas actuacións que xa remataron. Por unha banda, rehabilitouse e modernizouse o edificio municipal e, por outra, acondicionáronse por completo a rúa que dá acceso á praza e esta mesma, ampliada ademais coa compra dun terreo adxacente. 
900.000 euros
É o importe destinado a estes dous proxectos, ao que se suma o investido na cámara agraria.

Comentarios