O BNG destaca nas Pontes a importancia de que Galicia e o propio pobo volvan ter voz no Congreso

A deputada Noa Presas participou nunha visita a Biomasa Forestal previa ao mitin, no que tamén interviu a portavoz municipal Silvia Pardo, número catro da candidatura nacionalista ao Congreso pola provincia da Coruña

IMG-20190426-WA0012
photo_camera Visita de representantes do BNG a Biomasa Forestal nas Pontes. EP

A portavoz de Industria e deputada nacionalista Noa Presas participou, xunto a representantes do grupo municipal do BNG pontés, nunha visita á empresa Biomasa Forestal, previa ao mitin celebrado na Casa Dopeso, no que se defendeu "a necesidade de que Galicia e As Pontes volvan contar con voz no Congreso". 

No mitin tamén interviu Silvia Pardo, portavoz municipal nacionalista e número catro da candidatura do BNG pola provincia da Coruña ao Congreso, que remarcou que "cando o BNG estaba no Congreso falábase das Pontes e agora non".

"O exemplo témolo no Plan Miner, no ano 2011 o PSOE de Zapatero falaba que íamos ter ata 2018 e o goberno municipal vendíanolo como un logro do PSOE. En 2012 chegou o PP e quitáronnos das concas mineiras e non nos devolveron eses 54 millóns de euros que nos deben. Pero co PSOE no Goberno central e no goberno local nesta última lexislatura de Pedro Sánchez non fomos capaces nin de recuperar os fondos Miner que nos deben nin tampouco fomos capaces de entrar nas concas mineiras", expresou Silvia Pardo, que incidiu en que o BNG está para que estas cousas se reivindiquen no Congreso e haxa investimento en infraestruturas".  

Comentarios