O Cristo de Don Diego volve ao pé da igrexa de Úbeda 50 anos despois

O Grupo Carboeira, o Concello e os veciños desta parroquia da Pastoriza colaboraron na súa recuperación

Reposición do Cristo de Don Diego. EP
photo_camera Reposición do Cristo de Don Diego. EP

A parroquia pastoricense de Úbeda viviu unha dobre celebración a pasada fin de semana. Os veciños non só festexaron as patronais na honra da Virxe do Carme, senón tamén a restauración e recolocación do Cristo de Don Diego, grazas ao traballo conxunto do Concello da Pastoriza, o Grupo Carboeira e o presidente da  Asociación de Veciños de Úbeda, que solventaron así unha débeda contraída hai medio século.

A concentración parcelaria de 1967 supuxo un gran progreso para Úbeda, pero tamén tivo algunha eiva, coma o abandono deste cristo, localizado nun vello cobertizo preto da igrexa, nun antigo Camiño Real. A estrutura acabaría derrubándose sobre el, provocando que se framentase en varios anacos. No ano 2005, Mario Saavedra, xunto aos seus compañeiros do Grupo Carboeira —con José Manuel Blanco e Fernando Arribas, inventariaron todos os cristos, cruces e cruceiros chairegos—, localizaron este elemento e no ano 2010 apostouse pola súa recuperación.

Colocouse no adro da igrexa, a só uns metros do seu emprazamento orixinal

O proceso culminou coa colocación no adro da igrexa, preto da súa localización orixinal. «Trátase dun cristo moi singular —crese que en Galicia só hai oito con esta feitura—, formado por unha base troncopiramidal invertida, de granito de Parga», di Saavedra, que detalla que nesta se pode ler a lenda: "Este se hizo a cuenta de don Diego de Ron ano de 1872/ el que rezare un padrenuestro y un credo/ gana 40 días de indulgencia". Conta cunha cruz latina de sección cuadrangular, coa imaxe da Virxe do Carme nunha fornela no anverso e unha efixie de Cristo.

Esta recuperación e recolocación dun elemento etnográfico é a sexta que se impulsa na Pastoriza, onde aínda quedarían pendentes outro cristo e un cruceiro máis.

Comentarios