Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

A pontesa Aroa Blanco Guerreiro entra na Orquesta Sinfónica Infantil de Galicia

Aroa Blanco Guerreiro, no parque das Pontes. M.M.
Aroa Blanco Guerreiro, no parque das Pontes. M.M.

A rapaza de doce anos iniciou a súa andaina musical no conservatorio da vila hai apenas un lustro

Hai xente que nace cun talento musical innato. Que goza escoitando e interpretando melodías. Dedicándolle tempo, o que faga falta, a ese instrumento que se converte pouco a pouco nun apéndice máis do corpo. Porque o viven. Porque o senten de verdade. E quéreno transmitir ao mundo, como o fai Aroa Blanco Guerreiro, unha pontesa de doce anos que vén de conseguir unha praza na Orquestra Sinfónica Infantil de Galicia.

Un paso adiante nunha carreira de fondo que moitos prognostican prometedora. Razóns non lles faltan. A moza iniciou a súa andaina musical hai só cinco anos e xa conseguiu colocarse entre os mellores violoncellistas de toda a comunidade.

Un prodixio musical que se introduciu nas harmonías de pura casualidade. "Vin un día na televisión das Pontes unha audición do conservatorio e chamoume moito a atención o cello", conta Aroa, que con sete anos xa se inscribiu nas aulas de iniciación, paso previo ao grao elemental que superou hai un curso.

"Que faga o que queira, pero que estude", precisa a súa nai, mentres Aroa reflexiona un chisco

Este ano comezará o segundo ano de grao medio -estudos que compatibilizará co segundo curso da Eso no IES Castro da Uz-, no que deberá superar varias asignaturas, entre elas o violoncello. O seu titor e mestre, Juanjo Díez, foi o que a animou a ir ás probas á Coruña, despois de comprobar ese talento prometedor que se agocha entre as cordas.

"Animounos a levala, non pensabamos que fose pasar, había moitos nenos, pero fíxoo moi ben e nós orgullosos", di a nai, Noia Guerreiro, mentres Aroa asente e conta que durante a proba, na que interpretou "O cisne", de Saint-Saëns, estivo co director do conservatorio, José Manuel Campello, quen a acompañou ao piano.

"Estaba bastante nerviosa, pero saíu todo ben", engade a violoncellista, que conseguiu ese oco na Sinfónica entre medio cento de rapaces máis.

Agora, ás clases do conservatorio sumaranse os ensaios semanais na orquestra galega e os concertos que levarán a esta pequena artista pontesa por distintos recunchos da xeografía, acompañada sempre do seu inseparable violoncello.

"É un sacrificio, pero se a ela lle gusta, nós para diante. Todo vai ser para ben", confirma a nai da artista, quen considera "unha sorte que teña a oportunidade de vivir esta experiencia", coñecer a outros nenos coas súas mesmas inquietudes e seguir crecendo no mundo das melodías.

E, ademais, terá aínda máis opcións para facelo, xa que tamén é unha das integrantes do grupo de corda do conservatorio municipal das Pontes, unha agrupación dirixida por Elena Tenreiro, e que tivo o privilexio de poñer a nota musical ao pregón das Festas do Carme, hai apenas uns días.

"Xa fixemos varios concertos -un en Tres Lúas e outro no Colador- xunto co grupo Arrivederci, o do pregón foi o último. Pasámolo moi ben tocando", resume Aroa, quen sempre trata de estar rodeada de música.

E o futuro? "Que faga o que queira, pero que estude", precisa a súa nai, mentres Aroa reflexiona un chisco. "Aínda non sei o que farei. Sempre quixen ser pediatra, pero o violoncello tamén me gusta moito", recoñece a rapaza, sen quitarlle ollo a ese instrumento que tanto a fai sorrir.

A pontesa Aroa Blanco Guerreiro entra na Orquesta Sinfónica...
Comentarios