O amarelo non é só unha cor

O grupo de teatro do IES Pedregal de Irimia estrea este martes, no marco das XII Olimpíadas Tecnolóxicas que se celebran en Meira, a súa última montaxe

Grupo de teatro do IES Pedregal de Irimia. C.PÉREZ
photo_camera Grupo de teatro do IES Pedregal de Irimia. C.PÉREZ

O planeta amarelo é o título que lle puxeron no grupo de teatro do IES Pedregal de Irimia de Meira á súa última montaxe, unha adaptación da obra La isla amarilla realizada polo seu director, Alberte Cabarcos. A preestrea será este martes, ás 16.30 horas na casa da cultura meirega, como parte da programación da XII Olimpíada Tecnolóxica que se celebra na vila meirega.

"Na obra, uns personaxes que viven noutro planeta toman contacto coa Terra para saber como é e transmitilo", adiantan sobre o argumento da obra, do que aseguran que tamén ten un compoñente de "crítica social", afirman Marco López, David Trabadelo, Diego Abraira, Joel Lázaro, Jimena Pardo, Julia Méndez e María Méndez, os sete integrantes da agrupación teatral.

Teñen entre doce e 18 anos e a maioría deles xa leva varios anos no grupo. Aínda así, seguen a sentir os nervios propios de calquera estrea, pero confían no traballo que levan facendo dende o comezo dos ensaios, xa en outubro, e na súa paixón polas táboas.

O grupo de teatro, que leva 15 anos existindo, está formado por sete alumnos de doce a 18 anos aos que dirixe Alberte Cabarcos

"Vivir cousas novas", ou "probar a facelo" son as ideas que os levaron a participar no grupo, ademais da influencia de Alberte, o director teatral, e de Óscar Trigo, o vicedirector do IES. "Perder a timidez", "pasar un rato cos amigos", ou "mellorar a expresión" son algunhas das cousas que a experiencia lles achega, máis alá de que o gusto dalgún deles, como Joel e Jimena, vai máis alá e non descartan buscar un futuro na interpretación. 

"Dende hai 15 anos apostamos por esta actividade porque nos parece de primeira orde para un centro educativo de ensino público", apunta Óscar Trigo, mentres Alberte destaca a importancia de que "a xente nova queira participar neste tipo de tarefas, é gratificante e de agradecer todo o que fan".

Os froitos do seu traballo e de todos os compañeiros que colaboran na montaxe, o maquillaxe, etc., así como da colaboración da profesora de Plástica, Victoria Quiroga, que lles axuda coa escenografía, veranse esta tarde por primeira vez. Pero non última, xa que a finais de maio, como teñen por costume, volverán representar O planeta amarelo, para os compañeiros e para toda a vila meirega.

Comentarios