Nunca é tarde para a pedra

O canteiro vilalbés Manuel Rey comezou a súa afección a tallar en roca logo de xubilarse, hai dous anos, aínda que xa lle gustaba antes

Manuel Rey con algunhas das súas pezas. S.IGLESIA
photo_camera Manuel Rey con algunhas das súas pezas. S.IGLESIA

As pedras agardaron por el e mereceu a pena. Manuel Rey non é un home que comezara a traballar o mineral de neno, pero nunca é tarde se hai certa habilidade agochada e, niso, el vai sobrado. 

Natural de Vilalba e residente dende fai dúas décadas en Lanzós, foi despois de xubilarse cando se armou de cicel, buxarda, punteiros e maceta para darlle renda solta ao seu propio don. E é que, para darlle forma a unha pedra "hai que verlle algo antes, intuír o que pode saír de aí. Senón, non o fas", explica Manuel, un home entregado á súa paixón. Polo momento non fixo as contas de cantas pezas leva feitas, pero si que recoñece que algunha quedou polo camiño. "Unhas porque o material é moi brando, outras porque é moi duro...", comenta ao tempo que ensina unha ringleira formada por compañeiros inertes. Un peixe, unha tartaruga, unha caveira, unha rá, un mono e, o máis importante, Ramón Villar

Para darlle forma a unha pedra, Manuel di que "hai que verlle algo, intuír o que pode saír de aí, senón non o fas"

O experto canteiro guitiricense, mestre de Manuel, ten a honra de formar parte do particular paseo da fama do seu alumno a través dun logrado busto. "Eu penso que lle gustou", comenta o aprendiz de cantería que non deixa de empaparse de ensinanzas porque "sempre se aprende algo". Para iso, acode xunto a outros dez compañeiros ás clases de Villar cada sábado a Pardiñas, "poucos falto", asegura.

O veciño de Lanzós, que xa apuntaba maneiras de artista cando era un neno e debuxou un portal de Belén "ao completo" no encerado da súa clase, di que se tivese que quedarse cunha cousa de Ramón Villar sería "co seu detallismo, quere todo perfecto e eu, niso, son algo máis bruto". Comparte cos colegas de afección o inconformismo ao ver rematada unha peza. "Penso que ningún tallista queda totalmente satisfeito cando remata unha obra", engade Manuel, fontaneiro reconvertido a canteiro.

O canteiro acode cada sábado a Pardiñas á súa cita con Ramón Villar, xunto a outros dez colegas de afección

Na súa casa de Lanzós ten o seu propio taller e o seu laboratorio de experimentos. Rodeado de natureza e de animais "vivo feliz" e cando unha talla non sae ben, conta que vai dar unha volta "ata relaxarme" e volve a un traballo que, polo momento, xa o acompañou á Tasca do Liño de Insua, á Festa da Fala no San Alberte —acompañado de Villar— ou á Feira Indiana de Santaballa, a onde acudiu con Marcos Ladra, o Pequeno Tres Pesos.

Manuel compaxina a súa querenza pola pesca e pola caza co desexo de plasmar, quizais nun futuro non moi afastado, "ao Cid Campeador e a unha muller de aldea, de verdade", puntualiza.

Comentarios