Nuada presenta 'Barullo Melódico' no pub Soa de Guitiriz

O grupo rock de Teixeiro, integrado por Marina, Brais e Elena, ofrecerá un concerto este venres, día 22, ás 23.00 horas

Nuada. MAINATURA
photo_camera Nuada. MAINATURA

Nuada é un rei da cultura celta irlandesa e tamén un nome "que soa ben" e que ampara o proxecto musical de Elena Penas (baixo e coros), Marina Miraz (batería e coros) e Brais Merelas (guitarra e voz), a banda de Teixeiro que este venres 22, ás 23.00 horas, presenta o seu primeiro disco no pub Soa de Guitiriz.

Xuntos desde 2015 e coa casa de Marina como punto de encontro para ensaiar ata que atopen outro local, o rock é a súa razón de ser e o galego, o seu idioma: "Sempre hai cancións que tiran máis cara a outros xéneros, pero sempre partimos do rock e en galego", precisan. Teñen 16 temas propios, de temática variada, "ás veces un pouco abstracta", que van "dende temas persoais a algúns máis críticos coa sociedade ou o contorno, pero sempre con metáforas e ironías" na procura dun acabado máis "poético". 

Nuada: "Hai cancións que tiran máis cara a outros xéneros, pero sempre partimos do rock e en galego"

Escolleron tres, aos que se suma unha colaboración co rapeiro guitiricense Japo, a quen lle agradecen "que se animara a facer música con nós, aínda vindo dun estilo distinto", para darlle forma ao seu Barullo melódico, un nome que "vén sendo o que facemos".

"Dende que comezamos fomos intentando ter cousas gravadas para que a xente nos puidese escoitar dende a casa", explican. Primeiro, unha maqueta, e agora "apetecíanos facer algo de máis calidade e, de paso, a xira de presentación", din, agardando que "guste moito o EP" e que "a xente se anime a vir aos concertos". 

O disco inclue catro temas propios, un deles unha colaboración co rapeiro Japo, e foi gravado en Ocho Estudios de Lugo

Para materializar o proxecto, contaron co apoio de Jahel, de Ocho Estudios en Lugo, onde gravaron; e tamén de Manuel, artífice da maqueta previa; de Cris e de Martín, para as fotos e vídeos; de Julián para crear a imaxe do disco; de Miguel, que lles deixa moitas veces o equipo para tocar; ou do Soa, onde esperan vivir, como cada vez que tocan, "unha experiencia nova e gratificante".

Non será a única vez que se poida escoitar o seu Barullo melódico en directo. Xa teñen pechados concertos no pub Gatos de Melide o 18 de maio ou no Teixeiro Rock o 19 de xullo. Porque en Nuada teñen claro que seguirán "tocando mentres poidamos e disfrutando coma o primeiro día". Porque "o escenario é o de menos", sempre que "a xente estea motivada".

Comentarios