Nova Poesía Guitirica promove un festival en rede coa presenza de 50 escritores

A proposta, que se poderá seguir polo Facebook do colectivo guitiricense, desenvolverase dende este xoves ata o vindeiro 1 de maio 
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Algúns dos participantes

Un festival de poesía en rede coa intervención, en directo, de medio cento de poetas de toda Galicia. Esa é a nova proposta coa que o colectivo Nova Poesía Guitirica, coa colaboración doutras agrupacións poéticas de base, quere contribuír a facer un pouco máis levadeiras estas xornadas de confinamento.

A iniciativa dará comezo este xoves, día 16, e prolongarase ata o vindeiro 1 de maio, con tres intervencións diarias en directo a través do Facebook da NPG, ás 18.00, ás 20.00 —unha vez rematen os aplausos— e ás 22.00 horas. Cada unha delas prolongarase o que o seu protagonista estime oportuno, se ben a idea é que duren entre dez e 20 minutos.

Esta nova proposta xurdiu logo da boa acollida que está a ter a súa primeira actividade virtual, o #RecitalnacasadaNPG, a través da que os seus integrantes están a ofrecer, dende o día 1 á "hora da merenda", recitais en directo con poemas de autoría propia ou outros escollidos por atoparse entre os seus favoritos, sen esquecerse das sorpresas, pois tamén houbo algunha que outra improvisación musical ou oco para lembrar lendas.

Estes directos da NGP, algúns dos cales xa superan as mil visualizacións nas redes sociais, espertaron o interese doutras agrupacións coas que a entidade guitiricense ten relación e de aí xurdiu o proxecto #enredeversos. "Ante a inquedanza existente, argallamos o festival coa participación de 50 poetas de distintos grupos de Galicia e pensamos en que Algúns dos participantes no #RecitalnacasadaNPG. npg durase 15 días para non alongalo moito no tempo, por iso haberá tres intervencións diarias", explican dende a NPG, precisando que practicamente todos os recitais serán en directo, salvo algún caso illado que, por incompatibilidade horaria, o gravará previamente.

O colectivo enlaza esta iniciativa cos recitais que están a protagonizar os seus membros e desexa que no futuro sexa presencial
 

E así, dende calquera estancia da súas casas, o balcón ou o xardín, a partir deste xoves aos versos da NPG sumaranse os dos integrantes de grupos como Versos de Area de Ponteareas, Moraima da comarca de Ferrol, In Nave Cívitas­-colectivo Urbano Lugrís da Coruña, Nómades do Verso-Colectivo Antón Borrazás da Coruña, Irmandade Poética e Artística Luso-Galaica de Chantada e Poesía Galega Ceibe da Costa da Morte.

Fátima Fernández (18.00), Raquel Díaz Seijas (20.00) e Isabel Rodríguez (22.00) serán as primeiras en ceder virtualmente as súas voces para un festival que quere ser un preámbulo da versión física e presencial dunha iniciativa similar na que xa traballaban dende a NPG.

"Falaramos co Concello de Guitiriz da posibilidade de facer un festival de poesía guitirica, xa que hai moi poucas iniciativas deste tipo en Galicia", precisan dende o colectivo, puntualizando que en Lugo "non hai ningún así" e que a través desta proposta se loitaría por converter Guitiriz "nun concello de referencia a nivel poético na provincia"».

A súa idea, que quedou adiada indefinidamente ante a crise sanitaria actual, era que esta primeira edición se prolongase durante "dous ou tres días" e contase cun amplo programa de actividades, que incluirían tamén a entrega dos premios do Certame Vilariñas, que organiza a propia NPG —acaba de facer público o ditame da cuarta edición—, e o Premio Díaz Castro de Poesía que convoca o Concello de Guitiriz.

Comentarios