jueves. 04.03.2021 |
El tiempo
jueves. 04.03.2021
El tiempo

A NPG converte as rúas de Guitiriz nun gran recital poético sobre o coronavirus

2021011718592320138
Colocación dos poemas. EP
A iniciativa #PoemasPenduradosdasFarolas conta coa participación de preto dun cento de autores de toda Galicia, España e Portugal

Dende o sábado, e durante todo un mes, as rúas de Guitiriz convértense nun gran recital de poesía público, gratuíto, de acceso libre e sen aforo restrinxido, con preto dun cento de poemas pendurados dos postes dos farois, todos eles cun nexo común, están inspirados na pandemia do coronavirus.

"Se nolo contan hai un ano,/xaneiro dous mil vinte,/os sorrisos asolagarían/o mundo e hoxe/o desconcerto/rega dos nosos cerebros/de incertezas sobre o que virá./Quen nolo diría!", escribe o lugués José Estévez, un dos máis de 80 autores que se sumaron á cuarta edición da iniciativa #PoemasPenduradosdasFarolas, ideada polo colectivo Nova Poesía Guitirica para sacar a poesía á rúa.

Se temas de actualidade coma a violencia de xénero, os lumes forestais ou a liberdade centraron as edicións anteriores, nesta só había unha opción: a pandemia. E a acollida non puido ser mellor, pois o certame bateu o récord de participación, con composicións remitidas dende toda Galicia e tamén desde distintos puntos de España e mesmo de Portugal.

"Balas disparadas en cada bico,/Bombas camufladas nos sorrisos cos amigos de noso,/puñaladas en cada aperta de cariño./Xamais o puiden imaxinar:/A maior arma destrutiva: a que usa o cariño e o afecto/para aniquilarnos por dentro", pode lerse nun farol grazas á colaboración, dende Vigo, de José Manuel Fernández González, mentres noutro, Luz Campello se sitúa 'No bordo da incerteza': "As casas vólvense fronteira/a liberdade é un espazo perimetral".

E así, pasear nas vindeiras semanas polo Campo da Feira, as rúas do Mercado, da Deputación, do Concello... terá un atractivo engadido, descubrir as sensacións e as verbas inspiradas por ese instante, como escribe Mar Pazos, "cando a vida se nos tornou fráxil", e que permanece ata que, como desexa Tania Trigo, nos sintamos "livres outra vez".

Ademais desta iniciativa, cuxos poemas tamén se poden atopar nas redes sociais e se recollerán na GaZeta da Nova Poesía Guitirica, o colectivo ten convocada o V Certame Vilariñas de micropoemas, ao que se pode concorrer ata o 31 de xaneiro.

Cada autor pode presentar un único poema, de tema libre e escrito en galego, remitíndoo, xunto cunha imaxe, a [email protected] ou [email protected] Se as circunstancias o permiten, a entrega de premios será nun festival poético que a NPG quere organizar en xuño, conxuntamente co Concello de Guitiriz.

A NPG converte as rúas de Guitiriz nun gran recital poético sobre o...
Comentarios