lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

Novos relevos para o mel de Muras

Showcooking coa cociñeira Belén Morandeira. C. ARIAS
Showcooking coa cociñeira Belén Morandeira. C. ARIAS
Diego Prieto e Cristina Chao, ambos novos apicultores recén incorporados, gañaron a cata deste ano e demostran que o sector ten futuro nun concello que celebrou unha feira de éxito

Nun concello apícola por tradición e que leva anos loitando por profesionalizar un sector que pode ser un motor económico máis, onte demostrouse que hai futuro e que xa está xermolando o traballo feito. Diego Prieto, con produción no Seixo, e Cristina Chao, en Coruxos, no Viveiró, gañaron a cata de meles deste ano, confirmando que hai relevos.

"Son dúas persoas novas, de primeira incorporación, e que demostran que se poden facer as cousas ben con pouca cantidade. Estase vendo ata en Muras, nun concello no que un dos grandes problemas é o envellecemento, que hai relevo para a apicultura e que hai xente nova que vén detrás", valorou Manuel Ferreira, o presidente da Casa do Mel de Goente, que resaltou a "importancia de todo o traballo que se leva feito durante estes anos".

O éxito da Feira do Mel de Montaña de Muras o domingo foi outro exemplo dos bos resultados acadados. "A feira está consolidada. Estamos en época de pospandemia e aínda así foi un éxito. O sábado foi espectacular, nunca tanta xente tivemos nas charlas, na propia cata, na presentación do vídeo e na verbena. E hoxe -pola xornada do domingo- a afluencia de xente á feira foi moi alta", apuntou o teniente de alcalde, Mario Rouco, que recordou que este ano había instalados cen metros máis de carpa no Viveiró, polo que podía semellar que había menos público do que realmente pasou por alí ao longo de todo o día.

Dentro, na vintena de postos que había, once deles de venda de mel, o ir e vir da xente foi continuo, "con calma e sen madrugar moito, o normal dun domingo", dicían algúns dos vendedores, que indicaban a media mañá que as vendas eran irregulares.

"Ata hai un anaco non vendera practicamente nada e agora en dez minutos vendín 30 quilos", dicía Jesús Prieto, de Casateita, que esperaba chegar a cifras do último ano da feira, antes da pandemia. "Vendín 120 quilos e de encarga outros 200", apuntou. Iso, quizais, é algo do que máis valoran os apicultores que asisten a esta cita. "Fanse moitos contactos", remarcaban algúns, como José Pernas, que subliñaba que outro dos beneficios da feira é darlle visibilidade ao produto.

"Dámonos a coñecer e vendemos un produto que temos aquí", dicía María del Mar Tojeiro, de Casavella, outra das caras novas que asistía á feira por primeira vez, como Cristina Chao, o segundo premio na cata. "Estamos moi contentas coa feira, está animadiña", dixo unha nova apicultora que produce uns 300 quilos de mel. O gañador da cata, Diego Prieto, asistía por segunda vez, co produto das súas 20 colmeas. "Son producións pequenas, para a venda local", dixo.

O programa da feira completouse coa música da charanga Os Celtas, obradoiros infantís e un showcooking con Belén Morandeira, que preparou doces bocados para os presentes.

Novos relevos para o mel de Muras
Comentarios