Novos espazos, tortas de sempre

A fabricación das tortas de millo de Guitiriz conta con dous referentes que levan décadas dedicados á promoción deste produto único. Se hai un ano era La Esquina a que mudaba de local e modernizaba a súa imaxe, agora é a quenda de David, que vén de presentar o novo deseño da súa tenda de sempre 

Torta de millo. LA ESQUINA
photo_camera Torta de millo. LA ESQUINA

As orixes da popular torta de millo de Guitiriz difumínanse entre a tradición e a lenda, mais a súa consolidación ten nome propio: David e La Esquina, as dúas panaderías que apostaron por este produto durante décadas ata convertilo no seu xeito de vida e nun referente da gastronomía galega.

Coa segunda xeración xa á fronte, ámbalas dúas veñen de facer unha importante aposta de futuro coa renovación das súas instalacións e da súa imaxe. Iso si, manténdose fieis á tradición no que é importante, a fabricación deste singular biscoito, elaborado esencialmente con manteiga, ovos, fariña de millo, azucre e limón, xunto ao toque persoal de cada quen.

Fina Bello e Sandra Martínez, na renovada tenda de David. C.PÉREZDavid presentaba esta semana a reforma da súa tenda do Curro Vello, en cuxo obradoiro se poden chegar a facer 300 tortas diarias nas épocas de máis demanda.

Fina Bello: "Estamos contentos co cambio, agora é máis luminoso e máis amplo"

"Estamos contentos co cambio, agora é máis luminoso e amplo", di Fina Bello, que traballa man a man coa súa filla Sandra Martínez e dúas empregadas para manter vivo o legado dos seus pais, David e Maruja, que se poñían á fronte dunha panadería que xa abriran uns parentes en 1925.

"Daquela facíanse só polas festas", lembra Fina sobre un produto no que hai xa anos decidiron focalizar o seu traballo, cuxos picos de venda se rexistran nos meses de verán ou en datas sinaladas coma a Semana Santa, pero cuxa demanda é diaria: "Hoxe -polo mércores- veu un de Ponferrada, outro que ía para Madrid e tivemos un pedido da Rioja".

David abría en 1925 da man duns parentes da actual responsable Fina Bello, cuxos pais se fixeron cargo en 1961

A súa fabricación é totalmente artesanal e sen aditivos, polo que apenas ten unha semana de vida, razón pola que a súa distribución é limitada e é na tenda onde rexistran o 90% das vendas.

O renovado espazo recibe ao cliente cunha gran composición en fotos dunha torta de millo e co novo logo da casa. "Queriamos modernizala e darlle un cambio", explica Fina, que confirma que as reaccións están sendo moi positivas.

Os irmáns José e Fernando, pai e o tío de Juan José Vázquez, abrían a panadería La Esquina en 1958, cando só se facían tortas de millo as fins de semana

Unha experiencia similar era a que vivían en La Esquina hai un ano, cando estreaban non só nova imaxe, senón tamén novo local, mudándose da mítica e céntrica esquina que lle dá nome á Rúa Deputación. "Xa tiñamos o obradoiro neste local, que nos permite ter máis amplitude e un mellor acceso", precisa Juan José Vázquez, que tamén é a segunda xeración á fronte dun negocio familiar que abrían en 1958 o seu pai José e o seu tío Fernando.

Juan José Vázquez, en La Esquina. C.PÉREZ

"A súa actividade era o pan, as tortas facíanse a fin de semana, por ter algún postre, cunha receita que tiñan e adaptaron ao seu gusto", lembra Juan. Aquelas "tres ou catro tortas" pasaron hoxe a ser 90% da actividade dunha empresa -deixaron de fabricar pan hai uns anos "para centrarnos no que realmente nos importaba"-, que suma nove traballadores.

 Juan José Vázquez: Xa tiñamos o obradoiro neste local, que nos permite ter máis amplitude e un mellor acceso"

La Esquina elabora unhas 300 tortas diarias en dúas variedades. Para a venda online ou noutras superficies fabrican unha versión con aditivos para prolongar a súa vida ata o mes. Porén, a torta de millo de sempre é a que se despacha nesa nova tenda na que se apostou pola madeira e a pedra, seguindo a estela das construcións tradicionais galegas.

"O que nos di a xente é que é bonita, ampla e cómoda, ademais de accesible cando saen da autovía", conta Juan sobre un espazo no que venden, ademais de pan ou outros produtos, bica ou tarta de améndoas feita por eles e mesmo creacións exclusivas, coma unhas novas galletas integrais ou as Tortalenas, unhas magdalenas que equivalen ao oco central da torta de millo.

Comentarios