Novos aires para San Ramón e Santa María

O aforo do auditorio vilalbés non foi suficiente para o acto inaugural dunhas festas de cambios, cun pregón que quedará para a historia

"Son tres semanas cheas de ledicia que pasan nun abrir e pechar de ollos", dixo a raíña das festas, Uxía Rey Lindín, no acto que pese a estar no ecuador das celebracións abre oficialmente as festas patronais de Vilalba, expresando un sentimento que moitos comparten. Porque San Ramón e Santa María é un sentir que non cambia pese a que este ano chegaron con aires renovados. 

A imposición de cintas ás damas na casa da cultura transformouse nunha entrega de pins e libros para os representantes das asociacións –que incorporaron por primeira vez rapaces–, e para as raíñas das festas, que esta vez tamén tiveron rei infantil. Edgar Fernández acompañou a Naroa Ameijide nun paso cara a igualdade e unha aposta da nova corporación que deixará pegada. 

Igual que o pregoeiro, o médico vilalbés Alberto García Basteiro, coordinador da área de tuberculose nun centro de investigación en Mozambique, que despois da sorpresa final de coller unha guitarra e poñerse a cantar, recibiu ducias de eloxios e centos de aplausos no que algúns xa definiron como un pregón para a historia. 

"É unha sorte nacer en Vilalba e ogallá siga a ser o espello no que se miren outras vilas", dixo Basteiro, fillo dunha médica e un mestre que elixiron Vilalba e aos que lles adicou as súas verbas, tras un discurso próximo que arrancou moitas risas e recordos e no que repasou a importancia da educación pública e da sanidade, dende os nomes propios de vilalbeses, moitas veces anónimos, e dende as anécdotas compartidas. 

Nun auditorio municipal abarrotado de xente –o aforo, por primeira vez non foi suficiente e "por imposibilidade legal e por unha cuestión de seguridade" quedou público fóra, o que espertou algunhas críticas–, ademais do pregón fíxose entrega do XLV Premio de Poesía do Certame Literario de Vilalba, que esta vez gañou Miguel Barrera. 

O autor de "Poema da rúa das aves, que fala da histórica Porta de Cima de Vilalba, leu algúns dos seu versos e agradeceu "ao valente xurado" que escolleu "poesía en formato de guión" como gañador do certame. "Non se pode desexar máis, a emoción e a felicidade é inmensa", expresou.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, encargouse de pechar un acto longo e cheo de emocións, resaltando a importancia de "xogar en equipo" e de poñer en primerio plano a Santa María e non falar só de San Ramón. "O máis importante é vivir con alegría, gozar da familia e dos encontros coas amizades", dixo antes de entoar o "felices festas" do punto final. 

As celebracións chegarán hoxe cun dos días grandes e máis novidades. A primeira xa cedo. Vilalba espertará sen coches na céntrica Rúa da Pravia. Será como entrar nunha antiga fotografía, pero con aires renovados. 

Comentarios