Novos aires para novos retos

A asociación de empresarios da Pastoriza retoma a súa actividade estreando nova directiva, que xa puxo en marcha unha campaña de socios e revitalizou a feira
María López, Teresa Prado, Sisita González e Marcos García. EP
photo_camera María López, Teresa Prado, Sisita González e Marcos García. EP

Desbotar o traballo que fixeron previamente outros só por falta de relevo é algo ao que non estaban dispostos na Pastoriza, onde a asociación de comerciantes e empresarios Asapa acaba de renovar a súa directiva co obxectivo de que a entidade retome a súa actividade para dinamizar a vila e os seus negocios nunha época moi complicada a raíz da pandemia do covid-19.

A asociación naceu o 3 de xullo de 2008 e, desde entón, contou con dúas presidentas. A segunda quixo deixar o cargo e os comerciantes tiveron unha reunión para decidir qué facer. "Ao principio si que tivo moita actividade, como a Festa do Requeixo, o Lume Novo, a Festa Castrexa..., pero agora levaba catro anos máis parada, os últimos xa polo coronavirus. E antes de que desaparecera decidimos collela e seguir adiante con ela", explica Marcos García Lombardero, que nesa xuntanza foi elixido presidente.

Acompáñano na directiva Sisita González, da perruquería Lisonxa, como secretaria, e Teresa Prado, a última presidenta e da tenda Muselina Moda, como secretaria. Ademais, a filla desta última, María López, ofreceuse voluntaria para axudar no ámbito publicitario e de redes sociais.

A asociación Asapa, que tamén colabora de forma activa formando unha comisión para organizar as festas patronais desde hai uns sete anos, recuperou a súa actividade coa celebración da feira da Pastoriza, que estivo suspendida pola pandemia e tamén ata que o Concello aprobou a ordenanza reglamentaria correspondente. Celébrase cada primeiro sábado de mes e a seguinte é este día 3.

"A de maio case non puidemos organizala, pero a de xuño xa se fixo con todo asentado e incluso tivemos unha batukada", indica Marcos, que fala con ilusión de "mirar un pouquiño pola vila e intentar medrar o máximo posible".

Tamén xa levaron a cabo unha campaña de captación de socios, xa que antes os negocios colaboraban na asociación, pero sen formar parte dela oficialmente, e xa suma uns 35. "Queremos sentar ben as bases e organizalo ben. Quen queira estar dentro, ben, e quen non ten as portas abertas para cando queira", sinalou o presidente.

Comentarios