ESPECIAL FIN DE ANO: MEIRA

Novo lugar de reunión

A Campa do Plantío perfílase como un espazo lúdico e de ocio, completando os servizos que ofrece de aparcadoiro ou ITV móbil
Dotacións que se habilitaron na Campa do Plantío. EP
photo_camera Dotacións que se habilitaron na Campa do Plantío. EP

O casco urbano de Meira conta dende este ano cun novo espazo polivalente que pouco a pouco vai integrándose no día a día dos veciños grazas a que conta cada vez con máis servizos que van máis alá de para o que foi inicialmente  concibido.

A Campa do Plantío foi adquirida polo Concello co obxectivo de poñer fin aos problemas de aparcadoiro que había na vila, ofrecendo unha zona coas prazas suficientes para albergar aos visitantes que chegan especialmente os días de feira. Pero a súa amplitude e a súa localización –xunto á residencia de maiores e próxima á zona escolar e ao parque Profesor Río Barxa– fixeron que dende o goberno municipal se apostase por crear unha nova área lúdica e de ocio, a cal xa está en marcha e queren seguir potenciando.

Para executar este proxecto, o Concello contou coa colaboración da Deputación de Lugo, entidade que achegou 288.000 euros dos 338.000 necesarios –o resto procederon das arcas municipais– para acondicionar un espazo de máis de 16.000 metros cadrados.

Peche perimetral da Campa do Plantío. EP
Peche perimetral da Campa do Plantío. EP

As obras centráronse en pavimentar unha parte do terreo e un tramo de rúa e habilitar accesos peonís, alumeamento, mobiliario urbano e unha fonte, así como un peche de madeira integrado na contorna.

O resultado foron unhas 200 prazas de aparcamento, ademais  dunha pista polideportiva con porterías e canastras e un novo parque infantil con xogos centrados no fomento da psicomotricidade, destreza e axilidade dos nenos. 

"A pista multideporte funciona moi ben. No verán estaban os rapaces ata á noite e daba gusto velos xogando alí, aproveitouse moito. Ademais, no aparcamento están aprendendo a andar en bicicleta moitos nenos e hainos que levan tamén o patinete ou os patíns", explicou Agustín Méndez, tenente de alcalde de Meira.

O Concello e a Deputación acondicionaron un espazo de 16.000 metros cadrados

Estes novos servizos completan outros que xa había, como a pista de pádel –xa están adxudicadas as obras para instalar nela unha cuberta, tal e como avanzou Méndez– ou a área de autocaravanas, a cal "é unha xoia, funciona moito durante todo o ano" –este verán incluso se fixo a primeira quedada deste tipo de vehículos, que resultou ser un éxito–.

Outra das iniciativas que máis éxito tivo unha vez se acondicionou a Campa do Plantío foi o traslado para esta área da ITV móbil para a inspección de turismos, tractores e ciclomotores. "Antes usábase a Rúa Frai Vidal ou as prazas do Concello e do Convento, pero co cambio abrimos un abano importante e tanto os usuarios como os propios técnicos da ITV están encantados, porque hai moito máis espazo e é máis cómodo", afirmou o concelleiro.

Aposta de futuro

Agustín Méndez tamén manifestou que ao longo dos próximos anos de mandato a intención do Concello é "seguir potenciando esta zona e aumentando a oferta de lecer para os máis novos".

Conta con unha pista polideportiva e un parque infantil, aos que preven sumar unha tirolina ou unha pista de skate

Así, algunhas das ideas que están postas enriba da mesa son a instalación dunha tirolina, unha pista de skate ou incluso unha zona para xogar á petanca –que se uniría aos campos de bolos e billarda que xa existen–, para as que o goberno local está empezando a mirar orzamentos. Ademais, non descartan organizar na Campa do Plantío algún evento importante, como festas ou concertos.

No mesmo sentido se manifestou a técnica da oficina municipal de turismo, Yoani Jartín, que recordou que este ano xa se "foi encamiñando cara a esta zona" algunha actividade, como a Noite dos Morcegos. "Vaise seguir ampliando a oferta de ocio nesta área porque é moi versátil", indica, ao tempo que o novo aparcamento tamén permitiu ampliar a zona para que se instalen autocaravanas –na área só hai oito prazas e ás veces son escasas– e que estacionen alí os autobuses que van a Meira os domingos de feira.

Comentarios