Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

As novas voces chairegas

De esquerda a dereita, María e Cristina Ramil Díaz. EP
De esquerda a dereita, María e Cristina Ramil Díaz. EP

As irmás begontesas María e Cristina Ramil Díaz son unhas apaixonadas da música, unha arte coa que gozan e que lles permite expresar os seus sentimentos

Aman a música por enriba de todo. As melodías forman parte do seu día a día e a voz converteuse xa na súa mellor arma de expresión. As irmás begontesas María e Cristina Ramil Díaz son o futuro da música na comarca chairega. Así o amosaron hai unhas semanas na clausura do belén electrónico, onde sorprenderon ao público coas súas brillantes interpretacións.

"Empecei con 15 anos na Escola Músico Crisanto. Fixen clarinete, co que continúo, e canto, que o deixei un pouco de lado porque estou estudando Medicina en Santiago", explica María, de 19 anos, quen considera a música como algo "abstracto", pero que a fai sentir "moi ben".

"Gústanme todos os estilos, pero quizais a música lírica resúltame especial. Creo que transmite unha sensibilidade que outros xéneros non conseguen. E o jazz tamén me gusta moito", recoñece a moza.

A súa irmá Cristina, de 14, ten unha visión similar sobre as harmonías, a súa grande paixón. Ela, pola súa idade, si que continúa cos seus estudos na escola de Rábade, que compatibiliza co instituto.

"Para min cantar é unha forma de expresar o que sinto, de desafogar", di esta moza, que á súa curta idade recoñece que lle encantan Rozalén ou Fredi Leis, ademais de Queen ou Scorpions. "Son moi metaleira", engade cun sorriso.

O seu debut como dúo no escenario do belén de Begonte foi unha experiencia "moi bonita" para ambas. Pese aos nervios, que estiveron máis presentes ca nunca, a súa actuación foi para nota.

"Era a primeira vez que cantaba soa coa miña irmá. Paseino moi ben", asegura a pequena das irmás, mentres a maior confirma que para ela tamén foi "especial".

Aínda que non pensan en montar un dúo "en serio, de maneira profesional", si que lles gustaría seguir moito tempo empastando as súas voces de soprano na casa, "como o facemos sempre", ou en calquera escenario ao que as chamen.

Non saben aínda se a música será a súa forma de gañarse a vida, quizais non, pero o que si que é seguro é que nunca deixarán de lado esta paixón.

As novas voces chairegas
Comentarios