Novas caras sobre as táboas

A agrupación vilalbesa Teatro no Árbol estreouse en público coa representación de oito escenas cómicas diante dos seus veciños 
 

Teatro
photo_camera Os actores de Teatro no Árbol, co seu profesor, Guillermo Cancelo. EP

A asociación cultural e deportiva de Árbol aló polo mes de novembro creou un grupo de teatro co fin de  explotar os talentos aínda por descubrir destes veciños vilalbeses. Os venres de nove a once da noite, co fin  de adaptarse a todos os horarios, xuntabanse para o ensaio.

Todos os comezos son complicados polo que o profesor, Guillermo Cancelo, dedicou estes meses á  formación e á creación dunha base nos novos actores. O teatro esixe ter todos os sentidos postos a traballar. É unha actividade multidisciplinar que inclúe voz, corpo, memoria, presenza... E para poñer todo en  funcionamento e a pleno rendemento é necesaria esa base formativa.

Tras meses de traballo e moito trafego, os novos actores estreáronse hai poucos días sobre as táboas na escola do Santo, e representaron oito escenas cómicas que deixaron un bo sabor de boca tanto para os actores como para o público. Algún igual mesmo se anima a formar parte do grupo na vindeira tempada. 
Tal foi o entusiasmo, que tras a estrea, actores e profesor revisaron a gravación para ver desde fóra o seu traballo.

O grupo de teatro formouse en novembro no seo da asociación cultural e deportiva da parroquia que lle dá nome 

"Buscamos esceniñas non moi longas, xa que para comezar cómpre coidar ao alumnado, darlles seguridade e ensinarlles que son capaces", indicaba Cancelo. A confianza e o mimo que soubo trasladar o profesor anima a estes actores noveis a seguir a súa andaina.

"Quedaron ganas de repetir, perderon o medo ás táboas e vense capaces de abarcar algo máis grande", explicaba o profesor, que compaxina a ensinanza en varias escolas e estreou cinco pezas teatrais en xuño. 

O 25, no seo da escola Victoria Gil Danza e Teatro de Lugo representaron a obra Picnic, de Fernando Arrabal. O 27, presentou no auditorio Carmen Estévez da capital chairega a comedia de autoría propia, Vilalba Fashion Wiii, coa escola municipal. 

O día 30 foi o turno da escola municipal de teatro de Castro de Rei, que se subiu ao escenario coa peza Por un puñado de Grelos. E na Pontenova recuperaron a obra A Chave do Castro, xa presentada fai 25 anos. 

O 7 deste mes foi o turno dos novos actores vilalbeses e Guillermo Cancelo iniciou un máis que merecido descanso. "Agora ando cortando a herba, despois disto xa comezo as vacacións", bromeaba.

Teatro no Árbol pode que sexa o nacemento dunha nova compañía teatral nesta parroquia vilalbesa, mais, polo de agora, teñen a vista posta na cea de fin de curso. O demais, xa se andará.

Comentarios