jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Nova voz poética na Chaira

Mari Luz Balsa e Rubén Seoane, diante da casa da cultura. M.M.
Mari Luz Balsa e Rubén Seoane, diante da casa da cultura. M.M.
Mari Luz Balsa Rábade presentou o domingo diante dos seus veciños de Cospeito o seu primeiro poemario, 'Amor de nai', unha obra xurdida da necesidade de expresar os sentimentos aflorados da experiencia vivida coa enfermidade e falcemento da súa nai

"OS VERSOS que compoñen este poemario amosan a enorme dor e tristeza ocasionados pola perda da miña nai, á que me atopaba fortemente unida. Pretende ser un pequeno agradecemento a todo o que ela representou, representa e representará na miña vida". Así resume Mari Luz Balsa Rábade o que hai detrás de Amor de nai, o debut editorial dunha veciña de Seixas, en Cospeito, que onte tivo a oportunidade de presentar o seu traballo arroupada por familiares, amigos e veciños na casa da cultura de Feira do Monte.

Nace así unha nova voz poética no corazón da Chaira, que busca render tributo a súa nai, irmá doutro coñecido escritor de Cospeito, Xesús Rábade Paredes, que é ademais o autor do prólogo.

"Non sabía que estaba con este proxecto entre mans, e a verdade é que lle causou sorpresa. Comenteillo cando xa estaba rematado e se estaba a traballar na súa edición", conta Mariluz, quen cre que o contido do poemario "foi moi emotivo" para o seu tío, "xa que sempre houbo moi boa relación e moita unión entre todos os irmáns", explica.

Esta obra, da que se imprimiron 300 exemplares que se porán á venda en distintas librarías de toda Galicia -xa está en Follas Novas en Santiago-, consta de tres partes diferenciadas: A vida xunto a ti, Triste partida e Esperanza e recordo. Nelas se relatan "as vivenzas e sentimentos compartidos, os duros momentos da súa partida e a pegada que deixou e que perdurará para sempre nos seus seres queridos", afirma Mari Luz, moi agradecida pola "amabilidade e o agarimo amosado por todas as persoas da editorial que interviñeron na publicación".

E é que a autora levaba xa tempo co poemario escrito, pero non se decidía a sacalo á luz. "Como tiña mercado algún libro editado por Toxosoutos a comezos deste ano remitino; en pouco tempo puxéronse en contacto comigo amosándome o seu interese pola publicación", conta a autora, quen recoñece que os versos tamén tiveron moi boa acollida entre familiares e amigos.

A resposta dos seus veciños de Cospeito non foi menor, xa que acudiron a apoiala na presentación celebrada onte, nun acto presidido polo rexedor, Armando Castosa, e no que tamén participaron a concelleira, Rocío García; o fillo de Mari Luz, Rubén Seoane -que é o autor do último poema do libro-; e a sua curmá, Ana Mar Fraga Rábade,

"Foi unha honra para min poder facer a presentación na miña terra, no meu Concello, rodeada de familiares e amigos, e onde tamén naceu e viviu miña nai", afirmou Mari luz, que polo momento non ten previsto facer máis presentacións na Terra Chá.

"O que si estamos barallando é facer outra en Viveiro, o municipio no que estou afincada profesionalmente dende 2012, pero aínda non temos data fixada", explica a secretaria xeral deste concello da Mariña, que non descarta seguir con novos proxectos editoriais.

"Sempre hai algo nalgún caixón, pequenos poemas á espera de seren retomados", confesa Mari Luz, quen cre que, de xurdir novas publicacións, "serían no campo da poesía, na que vexo un xeito de expresar e compartir os sentimentos e á vez a capacidade de facer emerxer no lector as mesmas emocións sentidas polo escritor".

Nova voz poética na Chaira
Comentarios