ESPECIAL FIN DE ANO: MURAS

Nova imaxe para as dúas prazas principais de Muras

A da Galeguidade e a do Campo da Feira do Viveiró transformáronse en espazos máis humanizados e accesibles para todos
Praza da Galeguidade de Muras. M.MANCEBO
photo_camera Praza da Galeguidade de Muras. M.MANCEBO

As dúas prazas principais da localidade chairega de Muras, a da Galeguidade, no casco urbano e ao pé da casa consistorial, e a do Campo da Feira, no corazón da parroquia do Viveiró, locen unha nova imaxe renovada tralas obras que se executaron no último ano en ámbolos dous espazos. 

Estes convertéronse en lugares máis "humanizados e accesibles para todos", segundo destacan dende o Concello de Muras, precisando ademais que os traballos que permitiron esta importante transformación eran moi demandados polos veciños. 

Para levar a cabo os dous proxectos, o Concello murés asinou un convenio de colaboración coa da Deputación Provincial de Lugo, que financiou as dúas obras.

Destinou un total 220.000 euros a transformar a praza principal do centro urbano, unificando a vía que pasa por diante da casa consistorial coa praza. "Era fundamental cambiar a concepción, de pasar por unha estrada a contar cunha praza grande que aglutine a vida do casco urbano", explica o rexedor, Manuel Requeijo, dando máis detalles do proxecto.

Esta adxudicouse a unha Ute formada polas firmas Ovisa e Provisa, que se centrou en crear un novo espazo de convivencia que lle dá maior protagonismo aos peóns e reduce a velocidade dos vehículos.

Ademais, o proxecto creou unha única plataforma de pedra e formigón que une os edificios coa praza, eliminando as escaleiras que daban acceso a esta para mellorar a accesibilidade. Tamén se colocou nova iluminación e mobiliario urbano. E nos últimos días tamén deixaron a súa pegada os alumnos do Ceip Antía Cal, que plantaron dúas árbores na zona.

As obras aproveitáronse tamén para a renovación dos distintos servizos, como a rede de abastecemento de auga, a de pluviais, a de telecomunicacións ou a eléctrica.

"Con este proxecto conseguimos un concello máis atractivo para aquelas persoas que queiran vir vivir ao rural, tamén revaloriza as vivendas da capitalidade municipal mentres melloramos os servizos", conclúe o rexedor, incidindo en que este é "o Muras do futuro".

Campo da Feira do Viveiró

O convenio de colaboración entre as dúas administracións, a local e a provincial, deu como froito un segundo proxecto, que vén de rematarse hai só unhas semanas, e que permitiu humanizar o Campo da Feira do Viveiró. 

A empresa Novavial SL foi a encargada de realizar o proxecto, adxudicado en 400.000 euros —deste orzamento, a Deputación de Lugo achegou 371.200 euros, o 92,56%, mentres que o Concello asumiu o 8% restante, 29.800 euros—, que permitiu converter a praza nunha superficie de plataforma única máis accesible, cun acabado de formigón lavado con bandas lonxitudinais de pedra.

CAMPO DA FEIRA DO VIVEIRÓ M
Campo da Feira do Viveiró. M.ROCA

O proxecto, igual que no caso da Praza da Galeguidade, contemplou a renovación de servizos —pluviais e saneamentos, iluminación pública, abascemento de auga, enerxía eléctrica e telecomunicacións— e a plantación de 23 árbores. Ademais, instalouse novo mobiliario urbano, como papeleiras e bancos circulares na contorna. 

"O Viveiró foi sempre un núcleo con moita poboación. A praza convertérase nun grande aparcadoiro para o que vén de fóra, coas obras, moi demandadas, o que logramos é dinamizar e revalorizar este espazo", conclúe o alcalde murés, esperanzado en que os veciños poidan desfrutar desta obra "positiva" para todos.

Comentarios