vilalbesa Reyes Cabarcos

As manualidades foron un gran apoio para a vilalbesa Reyes Cabarcos tras un mal momento persoal e o punto de partida para poñer en marcha O Taller da Gaia
Reyes Cabarcos e Gaia, no seu taller, con algúns dos seus artigos. M.ROCA
photo_camera Reyes Cabarcos e Gaia, no seu taller, con algúns dos seus artigos. M.ROCA

Na vida sempre hai momentos nos que toca repoñerse e recuperar a ilusión e, moitas veces, despois de levantarse nacen novas oportunidades e iniciativas que nos fan mirar outra vez cara adiante. Iso foi o que lle pasou á vilalbesa Reyes Cabarcos, que atopou nas manualidades e a artesanía unha válvula de escape para ir pouco a pouco recuperando a sonrisa e crear, co tempo, O Taller da Gaia, unha proposta na que a bixutería e os pirogravados personalizados son os protagonistas.

"Meses antes do confinamento tiven unha baixa larga e un momento persoal complicado e empecei a pintar mandalas con lápices, para evadirme, e foime ben. E despois, por curiosidade, empecei a ver tutoriais, páxinas de manualidades e fun pasando pola acuarela, acrílico, macramé, decoración de botes e pirogravado, ata últimamente a bixutería con arxila polimérica e resina", explica Reyes, que aproveita para esta afección os momentos libres que lle deixa a súa profesión de veterinaria.

Engade que "despois veñen os cumpreanos da xente e queres facer regalos bonitos e algo personalizado e é o de sempre, que che din que por qué non o vendes". E así naceu O Taller da Gaia, na honra da pequena yorkshire que lle fai compañía mentres dá renda solta á súa imaxinación.

Abriu a principios de abril conta en Instagram para a venda online e desde esta semana ten un punto físico en Cárber Moda

Así, a principios de abril, abriu unha conta en Instagram para dar a coñecer o seu traballo e non pode estar máis contenta coa acollida. "Esperaba non vender un colín, pero a verdade é que vai moi ben. Sorprendeume que á xente lle gusten as cousas que fago e tamén o ambiente tan agradable que hai nesta comunidade, na que hai moitos artesáns cos que podes falar", comenta.

Polo de agora, os artigos de maior éxito é a bixutería —pendentes, aneis, colgantes ou pulseiras, personalizadas por temática, cores ou incluso con flores secas— e os cadros pirogravados

A boa acollida da súas propostas despertou o interese da dona da tenda Cárber Moda, que se converteu esta semana nun punto de venda físico de O Taller da Gaia, mentres Reyes xa pensa en novos proxectos. "Imos evolucionando, avanzando. Faime ilusión, faime moito ben", di.

Comentarios