A nova estrela que guía o camiño

A clausura do Nadal en Begonte serviu para recordar a Xosé Manuel Carballo e para reclamar máis apoio "co 50 aniversario no horizonte"

O párroco Xosé Manuel Carballo, esa nova estrela que guía o camiño, foi recordado por autoridades e premiados na clausura da 46º edición do Nadal en Begonte, que se celebrou este sábado no centro cultural José Domínguez Guizán.

O irmán do fundador e actual responsable, Jesús Domínguez, tivo palabras de afecto para o párroco de Castro de Rei, falecido o pasado outubro, e que sempre "colaborou estreitamente co nacemento begontés", asegurou.

Ademais, aproveitou a súa intervención para pedir "máis apoio, unión e un relevo", para que o belén electrónico, que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico, "continúe cumprindo a súa función".

Co medio século de historia cada vez máis preto, o rexedor, José Ulla, que tamén tivo palabras de agradecemento e cariño cara a Carballo, cifrou nunhas 40.000 as visitas rexistradas ao longo dos dous meses que tivo as súas portas abertas este emblemático nacemento.

E "co 50 aniversario no horizeste sábado" pediu maior "compromiso por parte de todas as administracións", para que este belén que este sábado apagou as luces un Nadal máis "poida seguir sendo un referente en toda Galicia".

O acto de clausura no centro cultural José Domínguez Guizán, ateigado como xa é habitual na despedida deste emblema chairego, serviu tamén como manda a tradición para entregar os premios dos certames que convoca a institución dende hai moitos anos.

O alcalde de Begonte, José Ulla; a xefa do servizo de cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Núñez; o deputado de turismo, Eduardo Vidal, e o presidente de honra do belén, José Luis Hernangómez, foron os encargados de entregar os galardóns.

O chairego Xosé Otero Canto fíxose co primeiro premio de poesía, no que a moza lucense Laura López quedou en segundo lugar. Pablo Núñez González, con "Volver a nacer. La sombra del facedor", gañou o certame xornalístico, no que Marica Campo foi segunda.

A escritora do Val do Mao, gañadora da primeira edición do certame de poesía hai máis de catro décadas, cedeu o seu premio de 300 euros á asociación contra o cancro de Lugo. Tamén quixo recordar a Carballo como "a persoa á que lle debo ter mudado desa casa allea que era o español, á nosa casa, o galego".

O xurado acordou por unanimidade entregarlle ao lucense Fernando Villalba o galardón do certame galego de arte pola súa obra El bosque. E unha ducia de pequenos, de diferentes puntos da provincia, recibiron da man das autoridades os premios polos seus debuxos.

As begontesas Cristina e María Ramil Díaz, xunto aos integrantes do coro Músico Crisanto, puxeron a banda sonora dunha despedida tan esperada como emotiva.

Comentarios