A nova directiva do club fluvial de Begonte impulsa reformas e máis actividades

Cinco rapaces de 24 a 30 anos póñense á fronte dunha entidade que suma 111 socios
Nova directiva do club fluvial de Begonte. EP
photo_camera Nova directiva do club fluvial de Begonte. EP

Cinco rapaces de entre 24 e 30 anos —Alejandro Varela (presidente), Esteban Pastrana (secretario), David Grandío (tesoureiro) e Diego Castro e Noé Graña (vogais)— asumen a directiva do club fluvial de Begonte co reto de promover máis actividades e de impulsar algunhas reformas. 

Dentro das novas iniciativas, enmárcase a ampliación da pista de tenis, en colaboración co Concello e coa Deputación de Lugo, e a reforma da terraza e do bar, para o que xa hai unha nova concesión e que este verán empezará a ofrecer servizo de comidas. Ademais tamén se farán outras pequenas actuacións como continuar coa reforma e coa colocación de máis mesas na área recreativa

En canto á xestión, a directiva xa renovou o convenio co Concello de Begonte polo que o acceso dos veciños censados no municipio é gratuíto, e con respecto ás actividades, continuarase coa colaboración con Castiñeiro Milenario e xa está confirmada unha nova edición da Festa da Empanada, que será o 18 de xullo e volverá ás súas orixes, con stands de panaderías que terán produtos á venda. 

O club fluvial, que conta con 111 socios —todos unidades familiares— e un socio de honra —Luis Martul, que cedeu terreos para a ampliación das instalacións—, iniciará a tempada probablemente en xullo, aínda que posiblemente o novo bar abrirá antes, a mediados de xuño. 

"Nacimos, crecimos y pasamos la mayor parte de nuestros veranos en el club fluvial", din dende unha directiva que chega con ganas de facer cousas e de manter vivas as instalacións. 

Comentarios