Unha nova casa para Pérez

O ratiño máis famoso de Vilalba está a aproveitar este inverno para construír a súa nova vivenda, onde seguirá a recibir visitas, cartas e dentes 
O Ratiño Pérez, coas ferramentas para construír a súa nova casa. EP
photo_camera O Ratiño Pérez, coas ferramentas para construír a súa nova casa. EP

O Ratiño Pérez vaise mudar. Xa o ten decidido, logo de falalo coa súa familia. Pero que ninguén se asuste, porque este ilustre veciño de Vilalba non ten pensado cambiar de aires. Todas esas persoas que peregrinan ata o Cotarón para saudalo, deixarlle agasallos, cartas e ata dentes para evitarlle o esforzo de ter que ir recollelos debaixo da almofada, poderán seguir facéndoo. Non vai ir moi lonxe.

A súa nova vivenda estará a só uns metros da actual, tan popular que ata Google Maps a ten situada, pero un pouquiño máis accesible, así que que ninguén se preocupe, porque non existe ningún risco de que se poida perder a correspondencia. Seguro que o servizo postal pode atopar a nova casiña sen dificultade. E as visitas tamén.

E é que o Ratiño Pérez está máis que contento dende que decidiu asentarse na capital chairega, e por iso non pensa en marchar. Pero quizais si que sentise a necesidade de facer un cambio, sobre todo despois do ataque que sufría o seu querido fogar este verán. Algún vándalo con moi pouco civismo decidiu emborrallarlle a fachada dunha cor verde moi pouco favorecedora, todo hai que dicilo, ademais de facer pintadas no chan, diante da entrada. 

Futura casa do Ratiño Pérez en Vilalba. EPSeguro que para o ratiño foi un gran consolo o recibir infinitas mostras de apoio nesas difíciles circuntancias, e outras tantas de condena para quen ousou atacar desa maneira xa non só a súa vivenda, senón as ilusións dos nenos e das nenas. Dende logo, Pérez tivo que esforzarse moito para ir recompoñendo a súa casiña.

É unha sorte que a el o traballar arreo non lle importe nadiña, quizais porque sabe que o máis importante son os sorrisos de felicidade dos pequenos cando atopan os seus agasallos ao espertar... ou cando acoden á súa porta. 

Por iso estes días anda moi atarefado, compaxinando o seu intenso labor nocturno, que dende logo non pode descoidar, cos preparativos para ter listo o seu novo fogar canto antes. E o ratiño está desexando encargarse persoalmente de cada un dos detalles para que a súa nova casa cobre vida.

Xa ten o máis importante, a materia prima que, como non podía ser doutra maneira, volverá ser unha árbore. Se ata o de agora viviu ben nunha, por que cambiar? Foi escoller a Maderas Juan Pablo Gayoso, na parroquia vilalbesa de Nete, un gran tronco de carballo que pesa máis de media tonelada e que podería dicirse que alcanza a altura dunha persoa alta, 1,8 metros, todo un rañaceos para un pequeno ratiño e con espazo suficiente para instalarse a pracer. 

Agora anda a argallar o deseño máis axeitado para a casa, que tamén disporá dun pequeno terreo con xardín. O ratiño xa ten listas as ferramentas para comezar a traballar nas súas ideas.

O ratiño Pérez prefire manter polo de agora en segredo o acabado final, para que sexa unha gran sorpresa o día da inauguración, pero si que está disposto a dar algunha pista, ademais de prometer irlles contando aos seus seguidores todo o proceso a través das súas redes sociais, igual que comparte consellos ou retazos da súa vida. 

Polo momento, xa adiantou que a futura casa vai ter un tellado a dúas augas, fiestras con balcóns e seguro que un gran buzón para recoller todas as misivas dos seus amigos. E o ratiño diso non fala, pero abofé que tamén terá que habilitar un bo almacén para ir gardando todos os dentes, non volo parece?

Unha vez que a vivenda estea rematada chegará a mudanza. Que levar e que deixar? Non vai ser unha decisión fácil, pero seguro que a súa familia e todos os seus amigos lle axudarán a instalarse. E que pasará co seu domicilio actual? Pechará a súa pequena porta e quedará baleiro? 
Aínda é cedo para didilo, pero o máis probable é que, igual que el fixo á súa chegada a Vilalba, outro animaliño poida convertelo no seu fogar.

Comentarios