A CHAIRA, 15 ANOS: OPINIÓN

Non é ouro todo o que reloce

Licenciado en Física e profesor de Matemáticas no IES de Guitiriz
Vías do tren. ARCHIVO
photo_camera Vías do tren. ARCHIVO

Unha das miñas primeiras lembranzas relacionadas co tren foi unha viaxe a Barcelona, a cal incluíu unha boa espera en Monforte despois de subir ao tren en Lugo. Tempo adiante decateime de que esta demora se debía a que había que cambiar a máquina de gasóleo que viña dende A Coruña por outra eléctrica para que fixese o resto do traxecto, situación que se daba tamén á inversa no traxecto de volta. Este sería un recordo sen máis, se non fose que hoxe, pasados máis de 40 anos, a situación segue a ser a mesma.

Nun país ‘embelesado’ polo debate sobre o Ave, atopámonos coa comarca máis grande de Galiza sen ningún tramo con dobre vía ou onde esta estea electrificada, sendo practicamente imposible usar este medio para mandar algunha mercadoría cara ao resto do país ou á Meseta. No tráfico de viaxeiros a situación non muda, cuestión que queda ben clara vendo o estado das estacións da Terra Chá, Laxosa, Rábade, Begonte, Baamonde, Parga ou Guitiriz, agora edificios fantasmagóricos que noutro tempo foron puntos neurálxicos de prosperidade das súas vilas correspondentes.

Á carencia deste piar fundamental para o desenvolvemento económico non está para nada compensada cunha fluída e ben deseñada rede de estradas de comunicación interna, pois a nivel municipal acostúmase a utilizar a rede de pistas locais soamente para facer política clientelar e electoral. En canto á Deputación, a situación non mellora moito, pois nas decisións que toma sobre a súa ampla rede de estradas imponse, polo xeral, a cor política da alcaldía sobre as auténticas necesidades da infraestrutura, non existindo planificación nin visión de futuro en ningún caso. 

De todo o anterior dedúcese que non é ouro todo o que reloce e que detrás desas autovías que nos atravesan existe unha carencia total de planificación das infraestruturas por parte de todas as administracións, cuestión que explica en parte a ausencia dunha industrialización que nos saque do papel que ancestralmente nos asignaron, o de ser simples extractores de materias primas, deixando todo o proceso de elaboración e de posta en valor dos produtos para outras comarcas do país ou do Estado.

Comentarios