"Non é unha crise de goberno senón unha situación inesperada"

Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba, adoraba a súa profesión de médica e recoñece que a bota de menos pero, malia as dificultades sobrevidas neste mandato, a rexedora vilalbesa asegura que lle gusta o labor que desempeña agora "porque prestas un servizo á xente" 
Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba. EP
photo_camera Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba. EP

Hai crise no goberno de Vilalba?

Non considero que sexa unha crise de goberno, senón unha situación inesperada. O concelleiro Rodrigo Pavón presentou a dimisión por motivos persoais, como el mesmo dixo, e dende o equipo de goberno temos que proceder a unha reestruturación, dado que levaba áreas relevantes, para ofrecer o mellor servizo aos vilalbeses.

E que lle diría a quen insiste na división interna como motivo?

Pola miña interpretación e pola relación con el, a súa dimisión non é a consecuencia dunha división interna. Gustaríame que a cidadanía e os grupos políticos fosen respectuosos coas súas declaracións. Eu era consciente de que a oposición o podía interpretar coma unha fenda no grupo, pero non é o caso. Cando xorde un problema hai que mirar cara a adiante e ter ánimo e forza para sacar adiante o noso traballo.

A oposición busca sacar tallada?

Esa é a súa función, fiscalizar as accións do equipo de goberno, poñer trabas e xerar dúbidas sobre a xestión. Pero neste caso pediríalle aos grupos da oposición que sexan respectousos con Rodrigo. En política non todo vale e hai liñas que non se deberían sobrepasar, sobre todo cando lle afectan ás persoas.

A nivel particular, que significa para vostede a marcha do seu número dous? Que foi o primeiro que se lle pasou pola cabeza?

Sentín sorpresa e tamén tristeza. Creo que ‘Que?’ e ‘Que pasa?’ foi o primeiro que lle preguntei. Tratei, sen forzar ou contrariar a súa vontade de non dar explicacións, de aclarar que non houbese outras motivacións ou de buscar solucións para evitar a súa renuncia. El díxome que o motivo da dimisión era persoal e así o aceptei. Rodrigo conta co meu agradecemento persoal, porque sempre tivemos unha relación cordial, camiñando xuntos para avanzar en proxectos para a veciñanza.

Falando da reestruturación do goberno, xa se tiña feito algún cambio, coma a dedicación exclusiva de Luís Fernández. Por que a el e non a Pavón ou a outro edil?

Luis leva áreas importantes e tiña unha dedicación do 15%, pero hai uns meses cambiou a súa situación laboral, polo que podía centrarse no Concello. A asignación xa estaba contemplada, é a que tiña Renda. No tocante a Rodrigo, que tiña unha parcial do 65% porque o compaxinaba coa xerencia do partido en Lugo, ou ao resto, escolleron en 2019 e agora falouse e ninguén quixo cambiar. Que cambios máis se farán? Estamos traballando niso. É importante e complexa e non podemos apurarnos. Ata o 30 non se fai efectivo o cese, temos tempo.

Teñen xa sustituto?

Estamos mirando dende todas as perspectivas e tamén temos que contar coa situación de quen está na lista. Non está decidido.

Teñen unha data en mente para telo solventado?  

Ao facerse efectiva a dimisión no pleno do 30, xa hai que presentarlle a solicitude á xunta electoral para incluír á seguinte persoa da lista, salvo que esta renuncie.

Isto supón un retraso para sacar adiante temas importantes, coma o contrato da recollida do lixo, que dependía da área de Pavón?

Non, Vilalba non se pode permitir retrasos e por iso estamos tratando de facer a mellor reestruturación. Rodrigo informoume de como estaban os seus proxectos e en concreto o do lixo é un contrato moi complexo, que ten que estar o máis perfeccionado posible para evitar que despois haxa recursos que eternicen o proceso.

Cre que estas circunstancias lles poden pasar factura?

As facturas poden ser en negativo ou en positivo, se se resolven ben. En maio de 2023 os cidadáns farán unha valoración global da nosa resposta a situacións complexas.

Gobernar en minoría non é sinxelo, arrepentiuse de romper o pacto con Vilalba Aberta?

Non. Dixen en reiteradas ocasións que había unha perda de confianza por unha serie de circunstancias e eu creo que iso non é bo en ningún equipo de traballo. Se non estás a gusto e con confianza nos compañeiros é imposible funcionar ben. E non foi un obstáculo para negociar con Vilalba Aberta e para chegar a acordos.

Hai pouco amosaron unha fronte unida e pactaron proxectos por 1,4 millóns, ese é o camiño a seguir?

Si, esperamos continuar as negociacións en puntos importantes e decisivos, coma nos orzamentos, porque hai unha coincidencia programática e son máis os puntos de encontro que de separación. 

"A idea é levar o orzamento a pleno antes de acabar o ano" 

Unha crítica reiterada é que teñen prorrogados os orzamentos do PP, haberaos novos?

A idea é levalos a pleno antes de que acabe o ano. Estámolos elaborando, pero non é doado, porque soben as achegas municipais en servizos imprescindibles, coma o SAF ou o contrato do lixo, e redúcense ingresos, coa supresión ou redución de taxas dentro das medidas para paliar os efectos da pandemia. Queremos continuar na liña de facilitar todas as prestacións que axuden as familias e apostar polos servizos sociais, o urbanismo, a cultura, o turismo e o desenvolvemento da industria e o comercio.

Como está agora a situación na Rúa da Pravia?

Falta pouco para que nos presenten o proxecto de actuación integral, que buscará favorecer a accesibilidade. A situación actual é provisional, pero a rúa quedará de sentido único. Estamos buscando solucións para o aparcamento, mirando de que o párking funcione como tal e non como garaxe e de crear zonas azuis, ademais de pechar a ordenanza de mobilidade e de tráfico.

Que balance fai deste tempo de goberno?

Pese a todos os imprevistos, fago un balance positivo. Para o grupo municipal socialista foi unha satisfacción gañar as eleccións, pero iso conleva unha grandísima responsabilidade e aínda que algúns pensen que non cumprimos o noso programa, trabállase moito e estámolo intentando, tendo en conta que coa pandemia case perdemos un ano. Esperamos que no que queda poidamos deixar encamiñados proxectos coma o PXOM. Que lle gustaría que quedase feito ao remate do mandato? Que quedasen sentadas as bases dunha Vilalba de progreso, de modernidade e máis igualitaria, cun reparto máis xusto e equitativo, que independentemente de onde vivas teñas acceso aos mesmos servizos.

Para moitos proxectos é básico contar con outras administracións, séntense apoiados?

Acabamos de asinar un protocolo coa Confederación Hidrográfica Miño Sil por 3,2 millóns para a depuradora e outras obras e a Deputación está a ter a sensibilidade de atender as necesidades de Vilalba, pero por parte da Xunta vémonos bloqueados. Non se ve unha disposición para tender a man en propostas específica

"A día de hoxe sigo coa mesma ilusión e o mesmo ánimo que o 15 de xuño ou incluso máis"

Que espera do congreso federal?

Temos a asamblea local o 23 para achegar enmendas á ponencia marco. Do congreso esperamos que sirva para consolidar o proxecto socialista. Espero que Pedro Sánchez saia reforzado para seguir como secretario xeral. A súa actuación na xestión á fronte do Goberno foi positiva para España e esperamos que continúe así.

A nivel autonómico, haberá unha alternativa a Gonzalo Caballero?

Se hai alternativas ou se se presentarán outras candidaturas, eu descoñézoo. Creo que o importante é consolidar o proxecto do PSdeG, hoxe personalizado en Caballero.

E a nivel local, pensa na reelección, en volver presentarse?

Agora é o momento de traballar, non me gusta anticiparme no tempo. Pero podo dicir que a día de hoxe sigo coa mesma ilusión e ánimo que o 15 de xuño ou máis; as dificultades reactivan a vontade de prestar servizo aos vilalbeses. En 2023, se as circunstancias son as mesmas e teño ánimo, fortaleza e seguridade, volverei pedirlle aos vilalbeses o seu apoio.

Comentarios