Noiteboa porcina de récord

Unha cocha da gandería vilalbesa de porco celta Fraga do Coto tivo 19 leitóns e outra, dez. É a primeira vez que unha das súas nais ten tantos ranchos, que agora aleitan entre as dúas
undefined
photo_camera A Señora Noel alimentando a súa rolada de ranchiños. FRAGA DO COTO

Dous partos sen complicacións, un deles de récord e unha adopción exitosa. A Noiteboa foino máis ca nunca na explotación de porco celta Fraga do Coto de Vilalba, onde a familia porcina vén de incrementarse nin máis nin menos que en 29 ranchiños.

"Chegounos Papá Noel cargado! Esta noite tivemos dous partos e un deles con 19 leitóns!", anunciaban nas súas redes sociais cunha imaxe da gran portagonista da noite, unha nai que non tiña nome asignado, pero que dado o día e as horas escollidas para parir, o seu orgulloso propietario, Saúl Rouco, suxeriu chamarlle "Noel". "Vai ser a Señora Noel?", pregunta quen escribe. "Váleme".

"Sabiamos que ía parir, pero que trouxera tantos foi unha sorpresa, porque ademais non é unha porca grande, ten un tamaño medio, pero foi todo moi ben, pariu ela soa", explica Saúl, que destaca que este é "o récord que temos dos que naceron vivos dun parto, tiveramos 17 ou así, pero 19 nunca, e ademais todos vivos".

Este feliz acontecemento, porén, obriga a tomar outras decisións. "Normalmente teñen 14 mamas, polo que todos os que tivo non se poderían lograr, non comparten o leite", precisa. Mais xusto cadrou que nesta Noiteboa outra das nais da gandería tamén se puxo de parto: "Trouxo dez, así que algún pasámosllo a ela, é o que se lle chama adopción".

Ranchiños2

As nais, dúas das 15 coas que conta Fraga do Coto, aleitarán os ranchiños uns 45 días, aos que pouco a pouco se lles irá dando tamén nalgún alimento sólido, para despois poder destetalos con seguridade. E se as condicións meteorolóxicas o permiten -estes días, polo mal tempo, están todos os exemplares a cuberto-, cando teñan dúas semanas de vida empezarán a saír ao aire libre. Dispoñen tamén polo momento dun punto de calor na corte, "para así evitar aplastamentos", precisa Saúl.

Algunha femia seguro que me vou quedar con ela -hai que sacarlle partido á xenética da Señora Noel-, e o resto irán, como digo eu, para chourizos"

E que será deles? "Algunha femia seguro que me vou quedar con ela -hai que sacarlle partido á xenética da Señora Noel-, e o resto irán, como digo eu, para chourizos", concreta. Porque ese é o destino, logo de aproximadamente un ano de cría e ceba de boa parte da produción de Fraga do Coto, unha explotación gandeira que nacía en 2013 en Mourence con sete exemplares e apenas dúas hectáreas de terreo e hoxe suma 200 cabezas e 14 hectáreas.

O balance destes anos é positivo. A suba dos cereais -a ración leva millo, cebada, trigo e soia en diferentes porcentaxes segundo a etapa do animal- foi un contratempo, pois estes supoñen o 80% da alimentación -o 20% restante é o que os porcos atopan na finca-, pero a raza, 100% autóctona, ten moita demanda, o que anima a seguir traballando, igual que os momentos coma esta Noiteboa.

Comentarios