Noela Feal: "A natureza da Terra Chá é unha xoia, pero a nivel turístico aínda está todo por facer"

Namorada da natureza e da provincia de Lugo, esta vivariense de nacemento e vilalbesa de adopción aposta por mostrar as comarcas da Terra Chá e da Mariña dende o corazón, conectando o patrimonio natural, artesanal e histórico coas xentes que viven nelas, nunha defensa enérxica do rural e do coidado do contorno desde a sostibilidade.
Noela Feal, no entorno do río Madalena de Vilalba. M.ROCA
photo_camera Noela Feal, no entorno do río Madalena de Vilalba. M.ROCA

O taller co tear da Señora María en Vilalba tivo que pechar, pero o seu nome segue vivo na nova tarefa de Noela Feal, que retomou a súa experiencia no sector turístico para coordinar e planificar distintos proxectos na provincia.

Como nace Señora María Servizos Turísticos?

Teño a Diplomatura en Turismo e traballei no sector máis de dez anos. Cando fun nai, vin que non eran compatibles os horarios, deixei o hotel no que estaba e montei o taller de artesanía e, entretanto, saquei o carné de guía turística oficial de Galicia. Pero despois dunha lesión non podía tecer máis e volvín ao turismo.

Que servizos ofrece?

O de facer de guía é algo complementario. Realmente coordino e planifico proxectos turísticos. Por exemplo, o ano pasado coordinei as rutas de artesáns e as visitas guiadas para a Mancomunidade da Mariña Lucense. Agora estou planificando unhas rutas para grupos moi pequeniños, que é o que se está pedindo tras o covid.

En que consisten estas rutas?

Colaboro coa axencia D_Events, que trae grupos estranxeiros para coñecer todo Galicia en dez días. E por outra banda, grupos máis internos, doutros puntos de Galicia, que queren vir coñecer a Mariña Lucense en poucos días.

Que tipo de clientes ten?

Grupos pequenos de amigos, familias, parellas... entre 40 e 70 anos, a nivel de turismo interno. O internacional espérase que se retome en xuño, pero non o teño claro. Tiñamos grupos previstos en maio pero xa os cancelamos. Aquí tamén son grupos moi pequeniños pero de procedencia moi diversa, incluso Australia ou Arxentina. Eu fago de guía acompañante e guía local, os dous labores, polo que estou sempre co grupo. Decidín especializarme na provincia de Lugo porque me encanta e pode ofrecer o que a xente está buscando agora, ter os mínimos contactos e espazo polo que moverse, sen aglomeracións.

Con que axentes traballa?

O 95% do traballo que me sae é na Mariña Lucense, e eses axentes están alí: artesáns, casas rurais, restaurantes, museos, rutas a cabalo, emprendedores locais...

Traballa nalgún proxecto novo?

Tamén teño o título de docente, e xunto a outros tres de turismo, emprendemento e economía circular imos poñer en marcha a Escola de Turismo Sostible da provincia de Lugo, para empresarios que xa teñen o seu negocio no rural, novos emprendedores que queren asentarse no seu concello e administracións locais, que moitas veces son o primeiro contacto da xente para montar un negocio, pero non saben que emprender en sostibilidade é tamén unha oportunidade turística. Por exemplo, todas as rutas que fago por Vilalba pasan pola explotación de porco celta A Fraga do Coto. Tamén estou no proxecto formativo ‘Camiñadas do mar’, para centros educativos, desde infantil ao instituto, para dar a coñecer o Camiño do Mar. É teatralizado e cunha perspectiva sustentable e de natureza.

Que destacaría a nivel turístico da comarca chairega?

A natureza que ten a Terra Chá é unha xoia. Temos que potenciala e coidala, pero no tempo que levo aquí xa vin o cambio de estarse introducindo demasiado o eucalipto e iso non ten a biodiversidade que hai nun bosque autóctono.

Fala de que principalmente traballa na Mariña. Están máis preparados turisticamente?

Apostan máis desde as administracións públicas e están máis afeitos ao turismo. Aquí igual é que non apostan porque non están afeitos ou non están afeitos porque non apostan.

Como se pode solucionar?

Primeiro, a promoción turística ten que ter unhas bases. Que un concello como Vilalba, capital de comarca, no Camiño Norte, teña a oficina de turismo pechada é sangrante. E despois, implicar empresarios pequenos (hoteis, restaurantes, produtores que queiran recibir visitas) nun plan estratéxico de turismo no que se contemple a sostibilidade. Realmente aquí está todo por facer.

Como ve a provincia de Lugo?

É unha gran aposta dende o covid, porque ten destinos moi tranquilos, con moito espazo, con poucas aglomeracións... E isto é o que se está buscando, polo que hai que aproveitalo. 

Como está afectando a pandemia ao turismo?

Xente que igual se iría a Ávila ou Oviedo nunha ponte porque vas en coche, pois ao mellor vai coñecer a Ribeira Sacra ou Lugo. Nótase a baixada de viaxeiros, pero nas casas rurais menos. A xente aposta polo rural e aquí rural temos moito, pero falta o turismo. Pero hai que facelo ben.

Que aprendizaxe se pode sacar desta situación?

A nivel turístico, a posta en valor do rural. A xente pensa que é poñer unha casa e xa, e o turismo ten que ser máis ca un aloxamento. Poñer en valor camiños, ir pasear, sentarse ao pé dun río... Coidar o contorno para coidar a biodiversidade, que se a coidásemos máis igual non tiñamos o ‘bicho’ aquí.

De que maneira se teñen que implicar as administracións?

Apostando por facer plans de turismo sostible, se non esto vai ser pan para hoxe e fame para mañá. E contratar a largo prazo a profesionais, non só por nove meses.

DE PRETO
Que queda da Señora María artesá?
Son artesá desde antes de ter recordos, non sei nin cando foi a primeira vez que tecín. Eso sempre me acompañará. E estoullo transmitindo á miña filla, que ten nove anos e xa está aprendendo cousiñas. Mantiven o nome de Señora María Servizos Turísticos porque é parte de min e quero que o siga sendo.
Un lugar chairego.
E que hai tantos... Por exemplo, o Monseivane. Pero faltaríanlle moitas infraestruturas. Simplemente un camiño para chegar.
Outro da provincia.
Viveiro.
Unha viaxe que recorde.
A Exipto, coa familia.
Unha que queira facer.
A Cabo Verde.
Viaxa con comodidades ou en plan aventureiro?
Con comodidades.
Que medio de transporte prefire?
Creo que o coche é o que máis liberdade me dá.
Un proxecto.
Creo que a Escola de Turismo Sostible pode ser un proxecto que aporte moito, a min e á comunidade en xeral.
Ten algunha afección?
A artesanía en xeral. Teño a carta artesá en tecidos e cestería, pero sempre me gustou aprender técnicas doutras disciplinas, incluso mesturalas. E transmitilas.
 

Comentarios