Gandería Ameixeira: no cumio do vacún

A explotación de Labrada acadou trece premios no Salamaq de raza Blonde de Aquitania, incluíndo o premio á mellor de España, que xa gañara en 2019, antes do parón do covid
Daniel, coa súa familia e parte dos seus animais, en Salamaq. EP.
photo_camera Daniel, coa súa familia e parte dos seus animais, en Salamaq. EP.

A explotación gandeira Ameixeiras, da parroquia de Santa María de Labrada, en Guitiriz, coroouse novamente como a mellor da raza Blonde de Aquitania a nivel nacional, un premio que xa lles era familiar, pero cuxo valor se eleva este ano debido a que houbo un parón no concurso pola pandemia, voltando neste curso.

Así, no Salamaq de raza blonde que se celebrou hai un mes en Salamanca conseguiu 13 galardóns, entre os que destaca o da mellor gandería de España desta raza, así como dous tripletes, algo nunca antes feito neste campionato, que consisten en acadar o primeiro, o segundo e o terceiro posto na mesma categoría, facéndoo na de xovencas e na de vacas.

Outro dos premios máis destacados é o future en xovencas, un premio a nivel europeo, o que eleva a súa importancia e tamén o alcance do recoñecemento da explotación, que comeza a ser coñecida en lugares de fóra de España como poden ser Francia ou Bélxica, onde tamén se traballa con esta raza de vacas, sendo este o punto de unión. 

As reses de Daniel Otero tamén lograron os tres primeiros premios nas categoría de xovencas e na de vacas

Este é o único concurso no que participaron este ano, aínda que tamén foron á exposición de Silleda, un destino ao que "temos pensado volver nos próximos anos; de feito, non imos tanto porque nos sae máis caro", din. A ausencia de convocatorias débese, entre outras cousas, á raza coa que traballa Daniel Otero, que non é das máis coñecidas, o que fai que non haxa tantos eventos adicados a ela.

Conta tamén, referido a isto, que ás veces é difícil ver "vacas Blonde de Aquitania en certames e concursos debido a ese pouco coñecemento delas no noso país, cando é unha vaca con moito potencial e boa xenética".

Por iso, un dos factores máis importantes da vitoria é o poder dar a coñecer "esta raza de vaca, que é moi boa pero conta co problema de que moita xente aínda non sabe da súa existencia a pesares de ter moitas características moi boas", di Daniel Otero, o dono da explotación guitiricense.

E é que a súa historia coas Blonde de Aquitania é desas con final feliz, xa que a tuberculose bovina obrigárao a facer un vacío sanitario, sendo este un infortunio que, tras facelo pensar mesmo en deixar a gandería e dedicarse a outra cousa, acabou provocando que a súa explotación se centrase exclusivamente nunha raza que o elevou a nivel nacional e o deu a coñecer tamén no estranxeiro.

Trátase dunha raza pouco coñecida en España pero "con moito potencial e boa xenética"

A idea foi a de facer unha explotación que servise para a venda de gando a outras, sen dedicarse á produción de carne, un modelo que lles funciona, vendendo "a nivel nacional e, en moita menos cantidade, tamén internacionalmente". De feito, Daniel Otero conta que lle mercaron agora "unha vaca dende Francia", que é, xunto con Bélxica, "os dous países estranxeiros aos que fixemos vendas".

A raza francesa adáptase á perfección ao clima da Terra Chá e de Labrada en concreto, sendo así criadas en extensivo, en espazos amplos onde poden pacer e moverse, o que favorece o día a día destas vacas coas que Daniel empezara a traballar xa uns anos antes do suceso que fixo que pasase a criar e manter só esta especie.

Como explica o propietario de Ameixeiras, estes animais son "os que mellor cruzan coas outras razas, xa que excepto coa vaca pinta, pegan con todas e poden axudar a mellorar as características das crías de, por exemplo, a rubia galega ou a rubia asturiana, entre moitas outras".

Na explotación guitiricense tamén crían becerros, obtendo unha moi boa xenética e tendo vacas adecuadas para dar a luz aproveitando as súas cualidades. Así o demostra a alta demanda que teñen en toda España, grazas á calidade das súas cabezas de gando, arredor de cen, o que fai que sexan a granxa de referencia na raza.

A gandeiría Ameixeira vendeu varios animais en Francia e Bélxica

Moi distinta é a realidade na carne, xa que a Blonde de Aquitania non ten fama no país, o que fai que a demanda sexa moi leve, a pesar de ser unha vaca que está destinada para ese fin, dando produtos "con pouca graxa e moita proteína, ideal para dietas de deportistas e de xente moi activa no seu día a día". Nesta industria, o máis común é que a raza apareza en animais "que naceron da mestura con outra raza ben valorada como a rubia galega, entre outras", apunta Daniel Otero.

O futuro de Ameixeiras vai ser continuísta, co obxectivo de manterse "na mesma liña na que estamos agora mesmo e ir mellorando e avanzando pouco a pouco". Así, Daniel non prevé facer cambios no tamaño da explotación nin nas estratexias de venda, nin tampouco nas prácticas de cría nin de mantemento das vacas.

O obxectivo tamén é claro e está marcado: dar a coñecer cada vez máis "a raza Blonde de Aquitania para que vaia entrando en España con máis forza ano a ano", conclúe Daniel Otero.