17º aniversario da Chaira

Negocios con moito sabor

Son paradas obrigadas. A Terra Chá, Meira e As Pontes presumen de contar con centos de locais nos que comer é unha auténtica delicia.
Mesa posta no Mesón do Campo, en Vilalba. C. PÉREZ
photo_camera Mesa posta no Mesón do Campo, en Vilalba. C. PÉREZ

Casa Goás (Abadín)

Cuarta xeración á fronte dun multinegocio 

Localizado na céntrica Avenida de Galicia, o negocio familiar suma 75 anos de historia. Conta con bar, pensión, albergue de peregrinos e restaurante. No municipio tamén hai outros emblemáticos establecementos como o restaurante Niza ou O Rei das Tartas, que abriu as súas portas recentemente na área de servizo da A-8, na Xesta. 

Restaurante Galicia (Begonte)

Máis dun século de bo facer nos fogóns

A carón da N-6 levantouse en 1916 este negocio, que aposta polos sabores de sempre e conta cun Solete da Guía Repsol. O nome fundacional foi Casa Ribado. Membros da mesma familia begontesa impulsaron outros locais de hostalaría na zona como Casa do Labrego, tamén en Baamonde, e a Taberna do Labrego, en Pacios. 

Casa Varela (Begonte)

Clásico da hostalaría chairega na LU-541 

É unha histórica casa de comidas, taberna e estanco da parroquia de Damil, rexentada actualmente pola terceira xeración da familia Varela. Foi distinguida nos Premios de Gastronomía de Galicia da Feira do Cocido de Lalín no ano 2020 co galardón Toda unha vida nos fogóns

Restaurante Suso (Castro de Rei)

Unha longa traxectoria con vistas á carballeira 

Suso e Sara iniciaron en 1952 unha andaina empresarial ao outro lado da carballeira, que foi testemuña do devir dun exitoso negocio que acabou cambiando de beirarrúa. Hoxe o restaurante suma 70 anos de historia e nel está á fronte a terceira xeración. Ademais, están Casa Pedreiro, Río Lea, A Carballeira... 

Val dos Soños (Castro de Rei)

Un inmoble señorial con 500 anos de vida

O restaurante Finca Val dos Soños atópase na parroquia de Santa María de Duancos, nunha casa fundada no século XVI na que a finais do XVII nacía o Marqués de Atalaya Bermeja. É un lugar ideal para gozar da cociña galega contemporánea que tamén acolle vodas e outros eventos e conta cun pequeno hotel rural con seis habitacións. 

Casa Paca (Cospeito)

O caseiro por bandeira no corazón de Xermar

Bacallau, chuletón e churrasco son algúns dos pratos estrela dun establecemento que pertence á Rede de Comercio Rural, e que abriu as súas portas no ano 2010. Especializado en comida caseira, non é o único establecemento localizado no corazón da Chaira no que se pode gozar do bo comer. Tamén hai outras opcións como o Beiramiño, en Xustás; e O Bañal, O Anllo e o Asador O Cabuxo, os tres en Muimenta. 

Casa Gaibor (Guitiriz)

De taberna tradicional a casa de comidas 

En 1950, o señor Gaibor e María alugaban unha casa no camiño da feira a onde trasladaron a súa taberna, que anos antes abriran ás aforas do pobo. Defenderon o seu negocio vendendo principalmente viño e bocadillos de sardiña en lata. En 1969, o seu fillo Toñito poñíase á fronte transformando aquela cantina nunha casa de comidas. Outro clásico de Guitiriz é La Casilla.

Parrillada O Pozo (Meira)

A carne á brasa como selo de identidade 

Na céntrica Avenida de Lugo e ao pé da Praza Maior, este local especializado en pratos con carne á brasa abriu as súas portas no ano 2000. Ofrece menú do día, nas fins de semana e comidas por encarga e para levar. Non é o único no municipio. Tamén ofrecen unha extensa carta de saborosos manxares Casa Cazoleiro ou Agrotaberna I máis D

Casa Cándida (Muras)

Cinco décadas e unha mesa con sete pratos 

Localizado no Viveiró, é un negocio con cinco décadas e unha fama de abundancia. O menú comeza cuns entrantes de empanada, queixo, xamón e chourizo. Logo chega o primeiro prato, as ameixas, seguidas do arroz, caldo galego e cocido. Tras el aparece na mesa a carne asada e despois o postre, con varias tartas, orellas, requeixo e mel. Fronte a el está Casa Vituco &Picapan, e a terceira opción para comer en Muras é O Santi, xa no casco urbano. 

Casa da Luz (A Pastoriza)

Unha homenaxe con aposta firme polo rural

En outubro de 2022 abría este novo negocio, que permitiu rehabilitar un histórico inmoble de Bretoña, que ofrece restaurante e un pequeno hotel rural, ademais de local para eventos. Detrás deste proxecto están Sonia Lorido e José Luis Álvarez Bouso, que rexentaron case unha década o restaurante O Castro, xa pechado. Tamén se pode comer na casa da cultura da Pastoriza ou no Luciano, en Bretoña. 

Restaurante Suso (Pol)

Un regreso á terra para reabrir un histórico

Os irmáns Suso e Antonio Calderón están detrás deste negocio de Rioxoán. Con longa traxectoria profesional en Cataluña, regresaron á terra e fixéronse cargo do bar Novo, que reconverteron nunha casa de comidas. É o único restaurante de Pol que non está na capitalidade municipal de Mosteiro. Alí pódense atopar o Canadá e o Agustín

O Puxigo (As Pontes)

Un emblema con forte sabor micolóxico 

É un dos negocios de restauración máis emblemáticos do municipio, con varias décadas de historia e coa segunda xeración xa implicada nos fogóns. No seu menú abunda a comida tradicional, pero tamén é un imprescindible no outono, cando fan todo tipo de elaboracións cos fungos. Outro imperdible é O Xantar, que ten 40 anos. 

Casa Horacio (Ribeira de Piquín)

Unha parada obrigada a carón do río Eo

Este hotel, bar e restaurante leva 54 anos aberto ao público no Chao do Pousadoiro, a poucos metros da área recreativa do Eo. É lugar de paso para quen decide coñecer o paraíso ribeirego e a súa gastronomía, da que tamén se pode gozar no Mirador de Barcia

Mesón do Campo (Vilalba)

De hamburguesería a referente Michelin

Teresa Vázquez escribía en 1979 xunto ao seu marido, José Manuel Castro os primeiros capítulos da historia do Mesón do Campo. A hamburguesería inicial foise transformando ata chegar a ser un restaurante referencia con clientela de toda España. Tamén ten a "enseña roja de Michelin" como recoñecemento ao seu bo facer, do que xa se encarga unha nova xeración. Tamén son parada obrigada o Lar Os Píos, a Casa das Xaquinas, a Parrillada A Casilla, A Taberna, O Típico... 

O Parador (Vilalba)

Hotel de catro estrelas no maxestoso torreón

Este negocio, pertencente á empresa pública española Paradores de Turismo, está situado en pleno Camiño Norte de Santiago, e parte das súas instalacións atópanse no torreón medieval dos Andrade, o cal está unido a un fermoso xardín cun edificio de pedra que ofrece máis habitacións, bar, restaurante e ata salón de banquetes. 

Restaurante Montero (Vilalba)

O clásico das vodas, bautizos e comuñóns

"Hacemos de tu ceremonia un evento inolvidable", din na súa páxina web neste restaurante da parroquia de Goiriz, un dos líderes na organización de cerimonias e eventos na capital chairega, xunto a A Nova Ruta e o Spa Attica 21

Restaurante Ares (Xermade)

O cocido, un reclamo para todos os públicos

Se por algo é coñecido este bar-restaurante de Roupar é polo cocido, un prato estrela que fai que teña lista de espera. Sérvese tamén, con outros pratos, no Tino, en Momán; no Paso, en Candamil; ou no Petróleo, tamén en Roupar.

Comentarios