O negocio lévase no sangue

A ferretería Casa Quiroga de Meira é xa un emblema na comarca. Catro xeracións dunha mesma familia mantiveron vivo este establecemento que xa é centenario
Pepe e Iván Freire de Casa Quiroga
photo_camera Pepe e Iván Freire de Casa Quiroga

José, Manuel, Pepe e Iván Freire, catro nomes, catro xeracións dunha mesma familia, e unha paixón en común: a ferretería e o trato ao cliente.

Casa Quiroga é un negocio como poucos quedan, con máis dun século de vida este establecemento é xa un emblema na comarca. Fundado no 1905 en Mosteiro (Pol) comezou sendo "o centro comercial" do pobo, como sinala Iván Freire, o actual propietario.

"Meu bisavó José foi quen o puxo en marcha pero quen máis o impulsou foi meu avó Manuel", di Iván, quen tivo unha infancia feliz entre parafusos e ferramentas. "Acórdome estar alí de neno case a diario e viña moitísima xente porque había de todo: desde artigos de fontanería, albanelería, ultramarinos e ata correduría de seguros".

Iván recorda que cando seu pai Pepe colleu o testemuño do negocio, el empezou a collerle o gusto á venda. "Eu tiña 16 anos e axudáballe. Vía a súa destreza para vender, o trato co cliente... e cando se xubilou decidín que isto non podía morrer". Así decidiu levar a esencia da ferretería familiar a Meira. "Dinme conta de que en Mosteiro perdérase moita poboación e decidín montarme pola miña conta e probar sorte noutro concello", explica este empresario que apostou por continuar co nome do establecemento porque Casa Quiroga "era e segue sendo sinónimo de confianza", di.

A maioría dos clientes do primeiro local seguírono na súa nova localización e o negocio comezou a medrar como a espuma. Tanto que Iván arrancou nun local de 100 metros cadrados e agora xa conta cun sete veces máis amplo emprazado na Avenida de Lugo de Meira, no que ademais de artigos de ferretería oferta maquinaria de xardinería ou forestal, así como todo tipo de pequeno electrodoméstico ou ferramentas de albanelería ou fontanería. A pesar do paso dos anos e do crecemento exponencial dun negocio que comezou de xeito humilde aló polo 1905, a esencia de Casa Quiroga segue sendo a mesma: "Que o cliente se vaia satisfeito e saiba que se ten calquera problema aquí estamos para axudalo", precisa a cuarta xeración dunha familia que levou ao máis alto un comercio con máis dun século de vida.

Comentarios