Un "negocio 360" creado de cero

Jesús Ramudo e Esther Ardao celebran o trinta aniversario do restaurante A Nova Ruta, un dos locais de banquetes máis lonxevos de Vilalba, para o que contan con relevo "garantizado"
undefined
photo_camera Javier Ramudo, Esther Ardao e Jesús Ramudo, no xardín onde oficializan vodas civís. C.F.R

Jesús Ramudo e Esther Ardao apostaron todo á hostalería, porque "iso era o noso", e agora, trinta anos despois da fundación do restaurante A Nova Ruta, un dos locais para banquetes máis lonxevos da localidade vilalbesa, ambos continúan coa mesma ilusión que o primeiro día, e ademais con relevo garantizado. O seu fillo, Javier Ramudo, uniuse a eles hai oito anos e a día de hoxe organizan entre os tres centos de eventos e comidas, tendo incluso o cupo cheo para todo o que queda de ano.

Jesús comezou no sector con 17 anos e, logo de pasar sete traballando en Andorra, decidiu voltar á súa terra natal e poñer en práctica todo o aprendido. Así que alquilou un negocio na estrada de Ferrol coa súa muller, Esther Ardao, natural das Pontes, "para facer camiño" no eido da hostelería especializada en eventos dende a Terra Chá.

A partir do ano 2000, a familia decidiu ampliar A Nova Ruta e crear "un negocio 360 dende cero» na parroquia de Noche, na LU-541. Pero, máis alá de restaurante e hostal, A Nova Ruta é a súa casa, en todos os sentidos, xa que eles tamén residen alí. "Isto era todo terreo sen traballar, e como viamos que a cousa ía ben quixemos arriscarnos e crear un espazo máis amplo, e dende entón non paramos de facer cousas novas". 

O dono comezou no sector da hostalería con 17 anos e, logo de pasar sete en Andorra, voltou á súa terra para abrir un negocio

O matrimonio cre que, en parte, o seu éxito débese á fama que lograron na área gastronómica. A merluza é o seu prato estrela, e, aínda que prefiren non desvelar o segredo da receita, si que admiten que se trata dun prato herdado por un importante cociñeiro de Ribadeo que traballou con eles aos inicios.

"El fora cociñeiro da Embaixada Española en Estados Unidos, era boísimo", sostén Jesús Ramudo, que afirma que el lle dixo : "Vou ensinarche unha receita que che vai facer gañar moito diñeiro", e recoñece que a frase foi "máis que certa", xa que o 70% dos banquetes que atenden piden este prato pola súa boa fama.

E, aínda que a maioría dos clientes que atenden son da propia comarca, o certo é que tamén contan cun imporante público chegado de Lugo e de Ferrol, xa que "o boca a boca ao final funciona cando se dá un bo servizo", afirma o seu fillo, Javier Ramudo, que tiña claro que el quería continuar o camiño que iniciaran os seus pais e, logo de estudar Cociña, uniuse a eles en 2016. Hoxe encárgase sobre todo da preparación dos eventos do local.

"Agora valórase máis ofrecer unha experiencia completa que pagar por sete pratos", di Ramudo fillo, que explica que eles tamén se fan cargo de menús diarios nun dos seus comedores, ademais de contar con outro máis rústico cun asador especializado en asados casteláns. E, ademais da sala grande de banquetes, o local ten un gran xardín onde celebran vodas civís.

"Non houbo momento no que parásemos, levamos loitando polo noso negocio toda a vida", di Jesús Ramudo, que asegura que a hostalería cambiou moito dende que el empezou a traballar, cando só eran el e a súa muller. Agora son nove persoas fixas e varios extras para os eventos, o que lles permite coller algún día libre. Hoxe, tanto el como a súa muller, séntense orgullosos de poder contar co relevo do seu fillo porque, aínda que todavía lles queda tempo, "toca ir baixando da bicicleta", din.

Comentarios