Necrolóxica | Manuel Carracedo Rodríguez

photo_camera O xastre de Roás. AEP

Morreu o xastre de Roás cando estaba a piques de facer 98 anos. E fíxoo rodeado do cariño dos seus, que nas horas previas ao funeral previsto para hoxe non deixan de recibir mostras de condolencia polo pasamento dun home falangueiro, empático e moi querido.

Nado na Arxentina, como tantos outros fillos da emigración, Carracedo volveu pronto á terra chairega que tanto amaba. Alí formou unha familia numerosa coa súa dona e agora viúva, Dorinda Rozas Teijeiro. Veciño do escritor e académico Darío Xohán Cabana, falecido hai pouco máis dun ano, Manuel era moi afeccionado á lectura e estaba sempre disposto a debater sobre calquera cuestión de interese histórico ou mesmo de actualidade política. Iso si, sempre que as súas obrigas profesionais llo permitisen, porque leva cosido para moitos. E se se terciaba incluso atopaba tempo para botar unha partidiña de cartas na compaña de veciños e amigos.

Os seus restos mortais serán trasladados hoxe ás doce e media desde o Tanatorio Alvariño de Muimenta ata o cemiterio parroquial de Roás (Cospeito), onde serán inhumados tras a misa que se celebrará na igrexa da localidade.

Sirvan estas liñas de homenaxe póstuma á súa exemplar traxectoria vital e de agarimo para os seus fillos José Luis, Nancy, Ana María, Florentino, Eva e Elvira Carracedo Rozas, así como para os seus fillos políticos, Fina Freire, José Luis López, José Manuel Rodríguez, Isabel Fernández e Alfonso Otero; os seus netos, Diego, Lucía, Iago, Sabela, Xoana María, Adrián, Carla e Martín, e demais familia. Descanse en paz. 

Comentarios